HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuz verde do pleno do Consorcio Provincial contra incendios ao orzamento de...

Luz verde do pleno do Consorcio Provincial contra incendios ao orzamento de 2023 que ascende aos 3,9 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

O segundo orzamento desde o cambio do modelo á xestión directa, presenta unhas contas equilibradas que dan continuidade ás deste ano cun incremento do 0,45%

O Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% coa Xunta de Galicia, disporá en 2023 dun orzamento de 3,9 millóns de euros para a prestación do servizo, (3.913.300€), cun 0,45% de incremento respecto ao ano 2022, trala aprobación provisional do pleno extraordinario celebrado hoxe no Pazo Provincial e cuxo expediente se incorporará para ser tramitado co orzamento xeral da Deputación no pleno do vindeiro día 21 de outubro.

O pleno, presidido pola presidenta provincial, Carmela Silva, e coa asistencia do Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, deu luz verde ás contas do vindeiro ano, as segundas desde o cambio de modelo co pase do servizo provincial á xestión cen por cen pública. Trátase dun orzamento equilibrado, que dá continuidade ao do pasado ano e cunha variación á alza, nos ingresos, produto do incremento da recadación pola contribución especial de UNESPA.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que o orzamento “contempla todo o que é necesario para o bo funcionamento do Consorcio” e destacou a “boa relación” e “colaboración exemplar” entre Xunta e Deputación de Pontevedra, “sempre aprobamos todo por unanimidade e tomamos decisións, algunhas complexas como pasar da xestión indirecta á directa, de mutuo acordo”. “Á xente, dixo, satisfaille escoitar que podemos estar de acordo, que compartimos ao 50% un consorcio e que as cousas funcionan ben”. Subliñou tamén que “estamos a piques de que remate todo o procedemento para tomar decisións de cara ao futuro” e enxalzou “a relación sindical que nos permite que tamén as traballadoras/es formen parte do proceso”.

As palabras da presidenta foron ratificadas polo Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, quen destacou “que todo se fai por consenso, sempre a partes iguais as dúas administracións” e cualificou de “fundamental garantir este servizo público en toda a provincia, tanto en momentos ordinarios como nos extraordinarios, como foi neste verán cos incendios forestais onde o Consorcio funcionou moi ben. Isto tense que ver reflexado nos acordos entre Xunta e Deputación e hoxe aprobamos un orzamento de case catro millóns de euros sen ningún tipo de obxección”. Villanueva amosou a vontade de “seguir traballando así, xuntos para dar este servizo ao conxunto da provincia sen ningún tipo de problema”.

No orzamento de 2023 as achegas da Deputación e Xunta de Galicia serán de 963.500€ cada unha das administracións, sendo o Capítulo 1 o principal gasto do Consorcio, o 79%. No capítulo de investimentos, a solvencia económica do Consorcio permitirá enfrontar sen maiores dificultades calquera contratación do servizo de mantemento e xestión xa que, segundo o avance da liquidación de 2022, ten actualmente un remanente de tesourería para gastos xerais de 4.744.139 euros, equivalente a 1,21 veces o orzamento que se aproba para o ano 2023. Con cargo a este remanente poderán realizarse as modificacións e suplementos de crédito para financiar os investimentos que resulten necesarios ao longo do exercicio.

Publicacións Relacionadas