– O bo tempo animou aos visitantes a desfrutar deste servizo público, que a institución provincial volverá reforzar na ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo. As persoas interesadas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
– Pilar García Porto destacou que, nun ano clave para este territorio pola candidatura a Patrimonio da Humanidade, “o noso impulso a estas rutas fluviais demostra que estamos decididos a poñer en valor os recursos do noso territorio”
Máis de 2.400 persoas participaron esta Semana Santa nas rutas fluviais que a Deputación de Lugo opera pola Ribeira Sacra. O bo tempo favoreceu a participación dos visitantes nos percorridos polo curso dos ríos Miño e Sil entre o 29 de marzo e o 5 de abril. A institución provincial mantivo en funcionamento as tres embarcacións de xeito ininterrompido desde o luns 30 de marzo ata o domingo 5 de abril.
Na ruta que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, o catamarán Mencía e o monocasco Canon do Sil realizaron viaxes en horario de mañá e tarde. E desde o embarcadoiro de Belesar, o catamarán Pelegrín partiu todos os días ás 11:30 e ás 16:00 horas.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que “un ano máis, durante a Semana Santa, as nosas rutas fluviais pola Ribeira Sacra contaron cunha moi boa acollida, un claro reflexo da calidade deste servizo público e do seu impacto na dinamización económica, social e turística da comarca”.
Subliñou que “este é un ano clave para a Ribeira Sacra, coa súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, unha iniciativa que a Deputación apoia con firmeza e compromiso. O noso impulso a estas rutas fluviais demostra que estamos decididos a poñer en valor os recursos do noso territorio, a fortalecer o sector turístico e a garantir que a Ribeira Sacra siga crecendo como referente de patrimonio, cultura e desenvolvemento sostible”.
Durante o resto de abril, o catamarán Mencía navegará de mércores a domingo, en horario de mañá e tarde, pola ruta Canón do Sil, e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes nos fins de semana tamén en horario de mañá e tarde. A institución provincial reforzará os horarios en ambas rutas na ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo. As persoas interesadas poden adquirir os billetes na web: reservas.rutasembalses.es.



