HomeDeputaciónsDeputación PontevedraManifesto do 8 de Marzo de 2023

Manifesto do 8 de Marzo de 2023

- Anuncio -spot_img

Cada ano, o 8 de marzo as mulleres facemos unha reflexión en voz alta sobre o feminismo, sobre os seus avances e obstáculos, sobre a súa potencialidade transformadora e tamén as súas dificultades para avanzar na igualdade que esixe unha sociedade coma na que hoxe vivimos.

O 8 de marzo é a ocasión na que saímos á rúa para manifestar as reivindicacións que esixe a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, nunha sociedade que aínda está no proceso de erradicación da violencia e da desigualdade, e cuxa consecución constitúe o presuposto ineludible dun estado social.

Esta é a axenda das mulleres, que co tempo ofrece un diferente grao de complexidade e un ritmo de avances e retrocesos sobre os que cómpre manifestarnos, porque non é unha liña recta o camiño que pode levarnos a conseguir unha sociedade igualitaria en dereitos, senón que leva consigo a apertura de novas dialécticas que esixen esforzos para superar moitos obstáculos.

Este ano o movemento feminista enfróntase a unha axenda polarizada por moitas contradicións sobre o corpo das mulleres. A necesidade de avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres non se sostén xa sobre o desenvolvemento lexislativo que permitiu avanzar na protección contra a violencia de xénero, ou da participación política de composicións equilibradas, senón que as sociedades contemporáneas atopan novas formas de control sobre os corpos, que fan perigar o movemento feminista e a súa unidade mediante a utilización do dereito que baixo un intento de xustificación neoliberal, no fondo esconde vellas formas de escravitude.

Os intentos de legalización das maternidades subrogadas, que noutros países aparecen xa como fórmulas normalizadas de acceso á comercialización dos corpos das mulleres, ameazan con atacar a nosa dignidade e constitúen un importante atraso para o feminismo. A utilización dos ventres das mulleres para xestar fillas ou fillos para terceiras persoas supón unha instrumentalización dos seus corpos, que cousifica e pon no mercado bens e servizos de profunda afectación a algúns dereitos fundamentais que o Estado ten a obriga de protexer.

A prostitución é igualmente unha actividade socialmente tolerada que humilla e denigra a dignidade de todas as mulleres, non soamente a das que están obrigadas a exercela, e tamén a unha sociedade que debería evitar a venda dos corpos das persoas a cambio de diñeiro, e xeralmente mediante actividades delituosas coma o tráfico das persoas.

É importante que non se comercie co corpo das mulleres de maneira arbitraria e comercializada nunha sociedade que pretende ser libre e igualitaria, e aquí deben comprometerse todos os poderes públicos para traballar a favor da evitación de que as mulleres sexamos obxecto de instrumentalizacións xurídicas, clarificando, máis alá dos dereitos que lles correspondan a outros grupos ou colectivos sociais, as mulleres como persoas que teñen un sexo definido, e uns dereitos á igualdade como a Constitución española recoñece.

A recente modificación da regulación do aborto abre paso a un dereito a xestar de maneira voluntaria e á maternidade libremente decidida, pero aínda é desde unha reforma constitucional como deben recoñecerse algúns dereitos das mulleres que eviten limitacións condicionadas pola moral dalgúns grupos sociais que supeditan o Dereito á moral, e deste xeito atrasan as posibilidades de autodeterminación das mulleres e a súa liberación.

E é nesta igualdade na que o movemento feminista debe atoparse, evitando divisións que debiliten a loita, que é común a outros movementos, por unha sociedade que desenvolva a igualdade desde a xustiza e o recoñecemento dos dereitos de todas as persoas, sen exclusión, pero tamén desde o respecto ás mulleres.

Publicacións Relacionadas