O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel na apertura dunha xornada sobre a futura ordenanza tipo de transparencia e acceso á información pública da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)
Manuel Baltar destacou o liderado da Deputación de Ourense e a súa presidencia en transparencia e goberno aberto: “Grazas a que somos unha administración esponxa, estamos sempre en disposición de recoller calquera iniciativa ou suxerencia que mellore o rendemento da administración pública”
Unha vintena de expertos e xestores públicos procedentes de oito comunidades autónomas formularon propostas e ideas para unha nova norma que establecerá os estándares de transparencia na xestión pública, ademais das obrigacións para os funcionarios e as empresas contratadas polos gobernos locais
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá na apertura dunha xornada técnica de debate sobre a futura ordenanza tipo de transparencia e acceso á información pública, organizada pola Deputación e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Na súa intervención, Manuel Baltar avogou por “normas solventes, aplicables e entendibles” que faciliten a transparencia das entidades públicas e a participación cidadá, é dicir, “que axuden a compartir coa poboación toda a información das administracións públicas, coa condición do disposto na lei de protección de datos”.
O presidente da Deputación, na súa condición de membro da Xunta de Goberno da FEMP”, apunto que a transparencia “é un concepto relativamente novo na axenda política e que debe presidir calquera acto administrativo, sen distinción entre concellos pequenos ou con máis ou menos recursos, pois a lei é a mesma para todos”. Nesta liña defendeu a importancia dunha xornada “que nace da idea da participación, de escoitar e debater para que a nova ordenanza sobre transparencia e acceso á información pública da FEMP recolla a opinión dos expertos e os xestores públicos”.
Manuel Baltar destacou #ante os presentes que a Deputación de Ourense “apostou claramente pola transparencia e o goberno aberto, sendo a primeira administración provincial de España en crear unha área específica para desenvolver iniciativas nestes ámbitos”. Como proba deste compromiso citou o liderado ourensán na clasificación de deputacións, superando o 90 % do cumprimento dos 170 indicadores de transparencia, así como o primeiro posto na lista de presidentes de gobernos provinciais. “Grazas a que somos unha administración esponxa, estamos sempre en disposición de recoller calquera iniciativa ou suxerencia que mellore o rendemento da administración pública”, apuntou Manuel Baltar.
Debate técnico aberto ás suxerencias da cidadanía
Na apertura desta xornada tamén participaron José Nuño Risco, secretario técnico da Rede de Entidades locais pola Transparencia e Participación Cidadá, á que tamén pertence a FEMP, e Joaquín Meseguer, conselleiro técnico do Concello de Madrid.
Tamén coa presenza da director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, unha vintena de técnicos e profesionais do mundo local chegados desde oito comunidades autónomas -Andalucía, Cataluña, Valencia, Castela e León, Madrid, Baleares, Aragón e Galicia- formularon propostas e ideas para a redacción da nova Ordenanza Tipo de Transparencia e Acceso á Información da FEMP. Durante a xornada púxose de manifesto a necesidade de xerar un debate non só técnico, senón tamén aberto á sociedade civil para que escoitar á cidadanía e as súas demandas.
Estándares de transparencia na xestión pública
As ordenanzas sobre transparencia -a FEMP conta desde 2014 cunha norma destas características- son un tipo de lei municipal que establece os estándares para a transparencia na xestión pública, ademais das obrigacións para os funcionarios e as empresas contratadas polos gobernos locais. Entre as obrigacións comúns figura proporcionar á cidadanía información sobre as decisións e actividades do goberno, así como sobre os contratos e outros acordos comerciais nun portal de transparencia en liña. As ordenanzas de transparencia tamén poden establecer regras para o acceso á información e a rendición de contas por parte dos funcionarios.



