HomeDeputaciónsDeputación OurenseManuel Baltar mostra a máxima receptividade da Deputación á doazón das sete...

Manuel Baltar mostra a máxima receptividade da Deputación á doazón das sete bibliotecas temáticas do profesor ourensán José Paz

- Anuncio -spot_img

Na recepción celebrada hoxe no Pazo Provincial, o presidente da Deputación celebrou a xenerosidade e o altruísmo “dun dos grandes mestres da nosa historia, cun rigor, unha profesionalidade e un amor pola cultura, o coñecemento e os libros á que temos que ser sensibles”, subliñando que “Ourense non pode rexeitar esta oferta, que contribuirá a consolidar o carácter da nosa provincia como territorio creativo e referente do turismo cultural”.

A biblioteca máis importante das sete coleccións está integrada por máis de 30.000 volumes dedicados ao premio nobel de literatura Rabindranath Tagore, o que suporía “o mellor punto de partida para a creación en Ourense dun Centro Tagore, integrando á provincia nunha elitista rede internacional de centros dedicados ao intelectual bengalí”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo provincial ao mestre e profesor universitario José Paz, ao que expresou a máxima receptividade da institución á súa proposta de doazón das sete bibliotecas temáticas que o mestre ourensán foi creando desde principios da década dos anos sesenta do pasado século, bibliotecas entre as que destaca unha colección con máis de 30.000 volumes referida ao premio nobel de literatura Rabindranath Tagore e que, segundo adiantou o presidente provincial, “sería o mellor punto de partida para a creación en Ourense dun Centro Tagore, integrando á provincia nunha elitista rede internacional de centros dedicados ao intelectual bengalí”.

Manuel Baltar cualificou a proposta de doazón das sete bibliotecas de José Paz como “unha oferta que Ourense non pode rexeitar, posto que contribuirá a consolidar o carácter da nosa provincia como territorio creativo e referente do turismo cultural”. Para o presidente da Deputación, “Paz é un dos grandes mestres da historia de Ourense, cunha importante traxectoria na India que fala da súa internacionalidade, pero ademais cun rigor, unha profesionalidade e un amor pola cultura, o coñecemento e os libros á que temos que ser sensibles, celebrando o seu altruísmo, a súa xenerosidade e que pense en clave de Ourense”.

En próximas semanas Manuel Baltar manterá unha nova reunión co mestre ourensán para estudar as posibles ubicacións das sete coleccións, “ben na cidade, nunha estratexia na que tamén podería entrar o Concello de Ourense, ou en distintos puntos da provincia cun lugar sinalado na súa localidade de nacemento, Corna, no Concello de Piñor.

As bibliotecas creadas por José Paz xiran en torno a temas como o cine e artes da imaxe; pedagóxica e profesional; a cultura galaico-portuguesa e lusófona; actividades de tempo libre; arte popular; e unha monografía sobre Ourense e aspectos ourensáns.

Pero, sen dúbida, a colección máis importante é a dedicada ao intelectual bengalí Rabindranath Tagore, premio nobel de literatura en 1913 e primeiro oriental en recibir este recoñecemento. Unha biblioteca integrada por máis de 30.000 volumes e que segundo anunciou Manuel Baltar, permitiría crear en Ourense un Centro Tagore, “convertendo á provincia nun punto de referencia obrigado para estudosos dunha figura destacada na historia da humanidade, integrando a Ourense nunha rede internacional na que están presentes cidades de todo o mundo como Londres, Edimburgo, Berlín, Venecia, Budapest, Toronto ou Sao Paulo, entre outras moitas”.

Publicacións Relacionadas