María Ramallo inaugura o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín

adminON
Lectura mínima de 2

A deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo, acaba de inaugurar o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín coa conferencia “A Intelixencia Artificial nas nosas vidas”, a cargo da profesora de Ciencias da Computación da Universidade de Santiago María José Carreira. Ramallo subliñou a importancia de actividades como esta, que “permiten achegar a ciencia á sociedade” e afondar en cuestións de “máxima actualidade como é o caso da intelixencia artificial”. De feito, na conferencia, Carreira puxo en contexto a intelixencia artificial a través de actividades nas que está presente e ninguén o sospeita, amosou aqueles casos nos que esta intelixencia está sendo clave para resolver problemas e reflexionou sobre a súa aplicación ética e responsable.

Tras esta primeira actividade no IES Illa de Tambo o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos continuará o 18 de abril con dúas conferencias dirixidas á cidadanía en xeral sobre “Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos” a cargo de Mª Luz Couce, directora da Unidade de Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e “VIH: Situación actual, avances e retos actuais”, a cargo de Eva Póveda, científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Ambas conferencias terán lugar ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial e poderán seguirse tamén online.

Comparte este artigo