O presidente provincial lembrou o apoio da Deputación ao Liceo, que recentemente permitiu a rehabilitación do claustro e da Sala de Tertulia
“O Liceo impulsa a cultura en maiúsculas, na que cremos na institución provincial”, sinalou Menor
O Liceo Recreo Ourensán organiza máis de 400 actividades ao ano, que supoñen o paso de máis de 50.000 persoas ao ano polo edificio situado na rúa Lamas Carvajal
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o Liceo de Ourense como “baluarte da cultura”, durante o acto de exposición da Medalla de Ouro da Cidade de Ourense, outorgada polo pleno do Concello de Ourense a esta entidade cultural e de ocio con 175 anos de historia e entregada esta mesma mañá.
“O Liceo impulsa a cultura en maiúsculas, na que cremos na Deputación como eixo estratéxico das nosas políticas”, sinalou Menor durante a súa intervención.
O presidente provincial tamén puxo en valor o traballo do equipo directivo do Liceo, con Xavier Casares ao fronte, e dos socios, “que permiten dar impulso á cultura ao servizo do cidadán, a cultura que reclama a veciñanza”, dixo o presidente provincial.
Menor tamén destacou o Liceo como “xoia patrimonial”, xa que a súa sede está no edificio que constituíu o Pazo dos Oca Sarmiento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
Cooperación da Deputación
O presidente provincial resaltou a “cooperación institucional” como clave para chegar a acordos e impulsar proxectos. Neste sentido, a colaboración económica da Deputación co Liceo fixo posible nestes últimos anos que se levase a cabo a rehabilitación do claustro da segunda planta do edificio -utilizado para exposicións-, así como a Sala de Tertulia –destinada a actividades culturais e sociais- e tamén a realización de melloras na carpintería exterior do inmoble, entre outras actuacións.
O acto de exposición da Medalla contou coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como cun pequeno concerto da Coral do Liceo.
O Liceo Recreo Ourensán organiza máis de 400 actividades ao ano que, segundo a entidade, supoñen o paso de máis de 50.000 persoas ao ano polo edificio situado na rúa Lamas Carvajal.



