Durante a reunión, o presidente provincial e Pedro Yáñez analizaron distintas actuacións prioritarias para o municipio, entre elas o arranxo e mellora de estradas provinciais e vías municipais, así como necesidades no ámbito da eficiencia enerxética e do abastecemento de auga, especialmente no núcleo principal de Manzaneda e nos distintos pobos do concello
O presidente provincial, Luis Menor, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao novo alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, nun primeiro encontro oficial de traballo no que se abordaron as principais necesidades do concello, centradas especialmente na mellora de vías, abastecemento e eficiencia enerxética.
Durante a reunión, analizáronse distintas actuacións prioritarias para o municipio, entre elas o arranxo e mellora de estradas provinciais e vías municipais, así como necesidades no ámbito da eficiencia enerxética e do abastecemento de auga, especialmente no núcleo principal de Manzaneda e nos distintos pobos do concello.
O presidente da Deputación sinalou que este encontro serviu para “traballar sobre as necesidades reais do Concello de Manzaneda co obxectivo de mellorar a mobilidade, a calidade de vida dos veciños e facer un municipio cada vez máis habitable, con mellores servizos”.
Luis Menor tamén destacou a importancia de avanzar nun proxecto de acceso á Estación de Montaña de Manzaneda, compartido co concello de Trives, e que está pendente dunha actuación de reparación. “Unha vez que se poña á disposición da Deputación, poderemos colaborar nesta mellora, que beneficiará especialmente a Manzaneda polo movemento de persoas que acceden á estación a través do pobo e pola dinamización económica que supón”, indicou.
Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, agradeceu “a rapidez e a boa disposición da Deputación para atender as demandas do concello” e puxo en valor a necesidade de “traballar conxuntamente para dar resposta a problemas históricos e beneficiar a todos os veciños”.
Este primeiro encontro enmárcase na liña de colaboración institucional que mantén a Deputación de Ourense cos concellos da provincia para impulsar actuacións que melloren as infraestruturas, os servizos básicos e o desenvolvemento local, especialmente nos municipios do rural.



