HomeDeputaciónsDeputación PontevedraMenor pon en valor a captación de fondos europeos por parte da...

Menor pon en valor a captación de fondos europeos por parte da Deputación, que co PAI de Valdeorras e  Ourense Sur, alcanzan 27,9 millóns neste mandato, case un terzo do orzamento actual

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial enxalzou o traballo desenvolvido polos técnicos provinciais para que a Deputación conseguise a cifra récord de 14,5 millóns de euros en dous plans de desenvolvemento sostible na comarca de Valdeorras e na área funcional Ourense Sur: “O proxecto máis importante, en canto a contía, no que se refire á captación de fondos europeos”, dixo

Menor subliñou que estas novas achegas europeas “acreditan a boa xestión da institución provincial” na procura de máis recursos

Luis Menor tamén detallou os acordos da Xunta de Goberno desta semana, onde se aprobaron 17 axudas por un importe  de 484.096,81 euros, destacando as axudas a asociacións de protección animal que por segundo consecutivo se habilitaron, cun orzamento de 25.000 euros

Logo da celebración da sesión ordinaria semanal da Xunta de Goberno, o presidente provincial, Luis Menor, compareceu en rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados neste órgano executivo e tamén de asuntos de actualidade como foi a consecución “do proxecto máis grande que vai xestionar a Deputación con fondos europeos”, referíndose aos Plans de Desenvolvemento Sostible dos nove concellos da comarca de Valdeorras e da área funcional Ourense Sur, integrada polos municipios de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Barbadás.

Precisamente, Menor quixo salientar neste aspecto o intenso traballo levado a cabo pola institución provincial para lograr “un obxectivo tan estratéxico como é o da captación de fondos europeos”, cifrando en 27,9 millóns de euros a cantidade total de recursos obtidos pola Deputación no presente mandato. “Este traballo, o cal quero recoñecer desde aquí, acredita a boa xestión que se está a levar a cabo”, recalcando que con estes fondos estase alcanzando case un terzo do orzamento actual anual que ten a Deputación (105 millóns de euros), “aumentando así os recursos destinados a axudar aos concellos da provincia”, remarcou Menor.

Menor anunciou tamén que plans financiados pola Unión Europea serán presentados polo miúdo nos seus respectivos territorios, avanzando que, no caso de Valdeorras, o proxecto ten carácter comarcal e buscará reforzar a cohesión social, impulsar a diversificación económica e mellorar a sustentabilidade ambiental. No que atinxe ao da área funcional de Ourense Sur, o obxectivo primordial é transformar esta zona tan dinámica nun territorio máis sostible, conectado e con mellor calidade de vida.

Xunta de Goberno: preto dunha vintena de axudas

Luis Menor tamén explicou polo miúdo o contido da sesión ordinaria semanal da Xunta de Goberno, onde se aprobaron 17 axudas por un importe total de 484.096,81 euros. Fixo especial fincapé nas destinadas a asociacións de protección animal que se habilitaron por segundo ano consecutivo e que contan cun orzamento de 25.000 euros.

No que atinxe ás axudas á cooperación municipal foron destinados 266.099,11 euros aos municipios de Castrelo de Miño, Entrimo, Avión, Boborás, Chandrexa de Queixa, Leiro, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio e Riós. Estas achegas axudas estarán destinadas á mellora de infraestruturas e viarios, á recuperación de elementos etnográficos, á mellora de servizos básicos como o abastecemento e saneamento e á dotación de infraestruturas deportivas.

Respecto ás axudas a diferentes entidades, esta semana foron consignados 217.997,7 euros. No eido social, Menor quixo destacar os 50.000 euros destinados á Asociación Down Ourense para a mellora da súa sede ouo os 60.000 euros para Aspanas, co obxecto de acometer reformas nos centros desta asociación de pais e nais de persoas con discapacidade intelectual. Tamén fixo referencia aos 20.000 euros consignados á Ruta do Viño do Ribeiro para axudar nas súas actividades de promoción; aos 30.000 euros para a Comunidade de Montes de Quinxo para un proxecto de canalización de auga; os fondos destinados ás asociacións de veciños de Vilanova dos Infantes (8.000 euros) e Bentraces (22.000 euros) e unha axuda de 3.000 euros para a organización dunha carreira solidaria contra o cancro de páncreas en Vilamartín de Valdeorras.

Publicacións Relacionadas