O titular da Deputación recibiu ao novo presidente do Consello Regular da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, Juan Luis Calviño, así como ao tenente de alcalde do Concello de Cea, José da Lama
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co novo presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea, Juan Luis Calviño e co tenente de alcalde do Concello de San Cristovo de Cea, José da Lama, nun encontro no que se abordou a situación actual deste produto emblemático da provincia e as liñas de colaboración institucional para seguir impulsando a súa promoción e valorización.
Durante a reunión, Menor ensalzou a calidade do Pan de Cea como “un dos grandes emblemas gastronómicos da provincia de Ourense”, destacando que na actualidade son xa 15 os fornos adheridos á Indicación Xeográfica Protexida, cunha produción que está a piques de acadar o millón de quilos anuais, un dato que evidencia a boa saúde do sector e a consolidación da marca.
O presidente provincial subliñou tamén a proxección exterior do produto, sinalando que o Pan de Cea “non só é un referente en Galicia, senón que cada vez ten maior presenza fóra da comunidade e comeza a ser recoñecido e valorado en Europa”, grazas á súa participación en feiras e eventos internacionais, que contribúen a reforzar a imaxe da provincia como destino enogastronómico de calidade.
Menor reiterou o compromiso da Deputación co sector agroalimentario e cos produtos amparados por selos de calidade, poñendo en valor o seu papel como motor económico, xerador de emprego e elemento clave para a promoción do territorio.
Pola súa banda, o novo presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea agradeceu o apoio constante da Deputación de Ourense ao longo dos anos, destacando a importancia da colaboración institucional para a defensa, promoción e internacionalización dun produto que forma parte da identidade cultural e gastronómica da provincia.



