O grupo do BNG na Deputación, cumprindo a postura fixada dende o momento da convocatoria, ausentouse da sesión
“Acudir ao pleno extraordinario convocado polo PP para defender a Constitución e rexeitar a amnistía poríanos ao BNG na mesma tesitura que acudir ás concentracións que os ‘populares’ fan nas rúas. E nós non imos facer vulto, nin facer a ola ao PP”. Así de contundente se manifestou hoxe o portavoz do grupo do BNG na Deputación César Mosquera para explicar a ausencia na sesión plenaria, cumprindo a postura fixada desde o mesmo momento da convocatoria o pasado venres.
O nacionalista insistiu en que o PP está a utilizar a Deputación de Pontevedra en beneficio da campaña aberta en Madrid, xunto con Vox, para desprestixiar o novo goberno e cuestionar a súa lexitimidade. Neste sentido, Mosquera subliñou que o PP ten todo o dereito a facer a campaña política que considere para defender a súa postura, pero criticou o uso da institución pontevedresa “cun partidismo clarísimo” e sen precedentes.
Para o voceiro do BNG a convocatoria do Pleno extraordinario e urxente non ten ningún tipo de xustificación, xa que, a maiores da inconveniencia do motivo para a súa celebración, haberá outro Pleno ordinario este venres e o contexto político estatal será exactamente o mesmo.
Mosquera salientou que a postura do BNG de non acudir ao Pleno, moi probablemente, rebaixou o éxito da convocatoria que querían os ‘populares’ e baixou o ton dunha posible confrontación: o salón de plenos estaba practicamente baleiro, a excepción do persoal de gabinete, e sen ningunha bandeira de España como si houbo noutras localidades.