A exdeputada de Lingua María Ortega subliña a falta de compromiso dos populares coa cultura e tradicións propias do país
O grupo do BNG criticou hoxe que o goberno do PP na Deputación renegase de poñer en valor a figura de Rosalía de Castro e fixese desaparecer os actos institucionais e a programación provincial do 23F que se viñan organizando nos mandatos anteriores para conmemorar o nacemento da autora.
A deputada nacionalista María Ortega, responsable da área de Lingua os últimos catro anos, subliñou a “falta de compromiso do Partido Popular ca cultura e tradicións propias do país, repudiando a nosa identidade e orixes, o que demostra que son un partido estatal que non ten a cabeza en Galiza”.
Ortega afeou que a efeméride de Rosalía, a quen definiu como “un referente cultural fundamental para Galiza como país e coa súa lingua, construtora de identidade, figura importante dentro do feminismo e comprometida con causas sociais na nosa terra”, se despachase por parte do presidente Luís López cunhas palabras antes do Pleno e cunha publicación nas redes sociais provinciais, movementos que cualificou como “pose”.
Lembrou que se realmente o goberno do PP pensase que a de Padrón “é unha das máis grandes”- como dixo López-, deberíase ter organizado unha programación digna. Lembrou que nos anteriores exercicios o goberno do BNG desenvolveu iniciativas en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) dende moitos ámbitos: música, ilustración, poesía e incluso gastronomía, implicando tamén aos centros de ensino da provincia.
Destacou que a Deputación nos últimos anos realizaba actividades non só arredor da data do 23F, senón para poñer en valor a figura da autora durante todo o ano, con exposicións, charlas e outras iniciativas para todos os públicos. “Queren laminar todo o que defende as nosas orixes”, subliñou.
Ortega realizou no Pleno de hoxe unha pregunta formal sobre os motivos de que a Deputación non teña programación propia sobre Rosalía co gallo do 23F neste 2024, mais recibiu a calada por resposta do goberno provincial do PP.
Purga de relatoras
Por outra banda, o grupo provincial do BNG tamén criticou a ‘purga’ a relatoras do programa ‘Aquí faltan páxinas’ realizada dende o goberno do PP polo seu posicionamento político vencellado ao Bloque. Aseguraron as deputadas que hai unha clara censura política a pesares de intentar vestir a decisión en base a criterios técnicos.
“Os criterios técnicos decídeos o persoal técnico, non os cargos políticos”, sinalaron, argumentando que non se deben confundir conceptos, “porque non repetir persoas relatoras ou librarse das persoas máis expertas nas temáticas que se tratan é unha decisión política porque como decisión técnica a todas luces non se sostén”.

