O BNG provincial solicitou hoxe á Deputación de Pontevedra que por medio da súa área de Igualdade inste ás empresas prestadoras do Servizo de Atención ao Fogar e á Xunta a suspender os servizos domiciliarios de maneira cautelar e por protocolo cando se detecten casos de acoso.
Esta petición foi presentada pola deputada Manuela Rodríguez tras o minuto de silencio celebrado antes do Pleno provincial con motivo do asasinato de Teresa de Jesús, traballadora do servizo de axuda ao fogar no Porriño. “Para honrar a memoria de Teresa non serven de nada minutos de silencio. Máis ao contrario, fan falla berros de denuncia e accións encamiñadas a que non se repitan situacións de perigo para as mulleres de ningún servizo de axuda no fogar”, subliñou a nacionalista.
O grupo provincial subliñou que as institucións non poden consentir que as traballadoras teñan que escoller entre manter o traballo ou manter a súa integridade física: “Temos o deber de protexer ás mulleres que nos coidan e non podemos priorizar o servizo por riba da saúde”, dixo.
Por iso, a deputada solicitou ao goberno provincial que desde a área de Igualdade da Deputación se inste ás empresas prestadoras, aos concellos e, nomeadamente, á Xunta -que é a quen lle compete o servizo- a que en caso de denuncia por agresións ou calquera tipo de acoso, por protocolo e cautelarmente, se suspenda o servizo no domicilio en cuestión.