HomeDeputaciónsDeputación OurenseO Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición “Válvula de Escape –...

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición “Válvula de Escape – Locus Amoenus”, de Baldomero Moreiras

- Anuncio -spot_img

Esta mostra conta cunha forte carga simbólica e estética que propón unha viaxe a través da pintura, a cor e a mitoloxía clásica para reivindicar a natureza como derradeiro refuxio fronte ao mundo contemporáneo, unindo pintura, poesía, simbolismo e paisaxe nun diálogo único e profundamente humanista

A Deputación de Ourense inaugurou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel a nova exposición do artista Baldomero Moreiras: “Válvula de Escape – Locus Amoenus”, “unha obra de forte carga simbólica e estética que propón unha viaxe a través da pintura, a cor e a mitoloxía clásica para reivindicar a natureza como derradeiro refuxio fronte ao mundo contemporáneo”, tal e como explicou o director da Área de Cultura, Marcos Vázquez.

A mostra, definida pola crítica como “unha creación de lectura complexa e profundamente suxerente”, estrutúrase arredor dun friso de aproximadamente 40 metros, composto por 32 táboas de madeira ensambladas en trípticos, que percorren case por completo o muro principal da sala. A cor convértese no eixo narrativo da obra: desde as táboas centrais brancas, as tonalidades intensifícanse progresivamente ata chegar a violetas e negros nos extremos, creando unha composición perfectamente simétrica e envolvente que guía ao espectador nun percorrido emocional e sensorial.

Un diálogo entre pintura, literatura e mitoloxía

Baldomero Moreiras integra nesta obra numerosas referencias literarias e mitolóxicas da Antigüidade clásica e do Século de Ouro español, con textos de Teócrito, Virxilio, Garcilaso de la Vega, Góngora e Frei Luis de León. Estes fragmentos, seleccionados polo propio artista, axudan a contextualizar a atmosfera bucólica que Moreiras procura: un mundo de pastores, ninfas, sibilas, árbores sagradas e símbolos como a “rama dourada” ou a cornucopia, asociados á fertilidade, á abundancia e ao contacto co divino.

A obra propón así un locus amoenus, un espazo idealizado onde a natureza funciona como contrapunto á ambición, á fame de riqueza e ao “mundanal ruído”, conceptos evocadas pola tradición literaria e representados polo artista en elementos como o “carro de heno”, inspirado na metáfora moral do Bosco.

Técnica e linguaxe visual: entre o gravado e o expresionismo

A técnica empregada por Moreiras destaca pola utilización de fita rizada de carroceiro, aplicada, pintada ou retirada segundo o efecto buscado, e pola incidencia na superficie con estilete para crear sensacións de baixorrelevo e reminiscencias do gravado. Ademais, certos elementos como os “dentes de serra” remiten ao expresionismo alemán dos anos 30, movemento que tamén influíu no artista.

Celebración, identidade e paisaxe

O friso está habitado por escenas recoñecibles: viñedos, vendimas, cabalos azuis –en homenaxe a Franz Marc–, instrumentos musicais insinuados, bodegóns, fervenzas, ríos e espirais mariñas. Tamén incorpora guiños á identidade ourensá, como a aparición da torre de Vilanova dos Infantes ou a transformación das uvas en castañas e magostos, que sitúan simbolicamente a obra na provincia de Ourense.

A exposición formula así unha reflexión sobre o mundo actual e defende que, fronte ao horror e ao ruído da vida contemporánea, é na natureza onde o ser humano pode atopar unha verdadeira válvula de escape, un espazo de serenidade e plenitude. 

Publicacións Relacionadas