O artista inaugurou unha mostra na que consegue “traspasar o muro cotiá” coa súa creatividade
A mostra poderá visitarse ata o próximo 2 de marzo
A Deputación de Ourense impulsa no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “The Wall”, do pintor vigués Xoti de Luis. A mostra, inaugurada hoxe, supón o regreso do artista ao circuíto expositivo tras varios anos afastado.
O director da área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, participou na presentación desta mostra, poñendo en valor o impulso a este tipo de iniciativas culturais que se realiza dende a institución provincial.
“Xoti de Luis consegue traspasar o muro cotiá coa súa creatividade nesta mostra”, trasladan desde a organización da exposición.
Unha escolma dos traballos máis recentes
Xoti de Luis (Vigo, 1953) preséntase no Centro Cultural Marcos Valcárcel cunha escolma dos seus traballos máis recentes, baixo o título xenérico de “The wall”, o muro que o artista traspasa co acto creativo e despois de moitos anos afastados do panorama expositivo, que non do traballo constante e diario no seu taller, actualmente en Ferrol.
O histórico pintor, que repartiu a súa vida entre Vigo, A Coruña e Santiago, formou parte na súa xuventude dos grupos coruñeses A Carón, A Galga e Gruporzán. O primeiro deles con compañeiros como Correa Corredoira, Mon Vasco, Xaime Cabanas ou a escritora Ánxeles Penas.
“Os traballos pendurados hoxe nos espazos expositivos do Centro Cultural Marcos Valcárcel agochan experiencias, sensacións, emocións, soños e pesadelos. Neles, os muros de aldeas, vilas, pobos e cidades galegas transfórmanse, entre outras metamorfoses, en valos e peches de galiñeiros bidimensionais, feitos de cor, materia, luz e sombra, os ingredientes primarios do creador dende aquel temperán informe de 1973. Un informe actualizado debe concluír afirmando que os cadros selectos da mostra The wall (ou walling) custodian silandeiros a memoria do pintor e os lugares que habitou. Son pinturas de signo existencial, que nos permiten contemplar unha tradición secular, a da arte abstracta, máis viva e lúcida que nunca en mans de Xoti de Luis”, escribe Xurxo Taxes sobre a mostra.
A exposición poderá visitarse ato o día 2 de marzo.