Esta exposición, organizada pola Real Academia de Belas Artes co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense, poderase visitar ata o 30 de novembro
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a presentación da exposición “Os traballos de Hércules. Colección de gravados dos fondos académicos”, mostra comisariada por José Ramón Soraluce Blond e organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense. Trátase dun dos actos programados co gallo do 175 Aniversario da fundación da Academia, efeméride que non se quixo deixar pasar, a fin de rescatar a súa meritoria historia, seguindo a proxección na sociedade galega da súa presenza institucional e a súa actividade cultural.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a importancia desta mostra “reflexo da insigne traxectoria da Real Academia Galega de Belas Artes”. Por parte desta institución estiveron presentes na presentación o comisario da exposición, José Ramón Soraluce, así como a académica María Victoria Carballo-Calero. Esta exposición poderase visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel entre o 16 de outubro e o 30 de novembro.
A intención da celebración do 175 aniversario é trasladar a realidade da Academia a toda Galicia mediante, entre outros actos e actividades, con esta exposición dunha mostra da súa Colección de Gravados, a referida aos Traballos de Hércules. Unha exposición itinerante por Galicia da Colección dunha parte dos gravados orixinais sobre “Os Traballos de Hércules”, copiados da serie de pinturas que o artista italiano Luca Giordano realizou para Carlos II no Casón del Buen Retiro de Madrid e realizados pola Calcografía Nacional en Madrid (h. 1790).
A mostra contempla unha serie de gravados das Coleccións da Real Academia Galega de Belas Artes, sobre o encargo mitolóxico que se fixo a Hércules de doce aventuras, entre as que se atopa a que se desenvolveu en Galicia, do enfrontamento a matar co rei Xerión, para quitarlle o rabaño de bois que arrebatara aos campesiños da rexión. Hércules derrotou a Xerión na Coruña e sobre os seus restos construíu a Torre de Hércules.