A Escola Provincial de Danza-Castro Floxo participa mañá en Bande no primeiro Encontro de Cantos de Nadal da localidade; o 28 de decembro actuará no Liceo co seu tradicional festival
O obradoiro de xogos populares levará actividades aos concellos de Piñor de Cea, Cualedro, e Vilamarín
O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo espallará a cultura popular durante o Nadal con actuacións da Escola Provincial de Danza-Castro Floxo e actividades familiares do obradoiro de xogos populares.
A Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, creada pola Deputación de Ourense en 1984, recupera as tradicións e a música popular con varios concertos para tódolos públicos.
A primeira actuación prevista será mañá, sábado, no salón de actos do Concello de Bande. A partir das 19,30 horas, os compoñentes da escola participarán no I Encontro de Cantos de Nadal de Bande, acompañados polo Rancho Folclórico Flor do Sabugueiro, de Dalvares-Tarouco.
Os alumnos da escola provincial ofrecerán un repertorio de vilancicos, reis e aguinaldos, recreando a tradición antiga na que os mozos percorrían as vilas cantando polas casas coa intención de conseguir viño, chourizos ou doces, premios que despois compartían nunha xuntanza ou foliada.
A xira da Escola Provincial de Danza-Castro Floxo continúa o próximo 28 de decembro, a partir das sete da tarde, no Liceo Ourensán. Celébrase o tradicional Festival de Nadal, no que os diferentes grupos da escola (danza, canto e pandeireta), interpretarán xotas, muiñeiras, alboradas e cantos de Nadal e Aninovo. Os protagonistas do encontro, no que se repasa o traballo feito no primeiro trimestre do curso, son os nenos e os mozos da escola. A entrada é libre ata completarse o aforo.
Por outra banda, o obradoiro de xogos populares do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, que impulsa o coñecemento da cultura tradicional, percorrerá varios concellos da provincia con actuacións para nenos de 8 a 14 anos.
Os xogos tradicionais chegarán a Piñor de Cea o 27 de decembro, en horario de 10.30 a 13.30 horas; a Cualedro o 2 de xaneiro, de 10.30 a 13.30 horas e a Vilamarín o 4 de xaneiro, de 17.00 a 19.00 horas.
20 anos dun centro de transmisión da nosa cultura
O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo Fernández” foi creado no ano 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández. O Centro de Cultura Popular naceu a partires dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense, que xa viña desenvolvendo unha actividade intensa e variada no eido da cultura popular.
O obxectivo principal do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo Fernández é promocionar todo tipo de actividades encamiñadas a recuperar, conservar e espallar a cultura popular, especialmente entre os máis novos.