Tralo terceiro encontro de traballo cos concellos da comarca de Ourense implicados no proceso, o presidente da Deputación, Luis Menor, afirmou que “imos no bo camiño, hai vontade para superar obstáculos por parte dos concellos”
Os representantes dos concellos coñeceron o estado do contrato do transporte urbano da cidade, xa licitado, un avance fundamental para que a ampliación das liñas na área metropolitana sexa unha realidade
O comité político-técnico para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, impulsado desde a Deputación, continúa avanzando coa planificación deseñada e coa participación dos concellos de Amoeiro, Barbadás, Cenlle, Coles, Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Taboadela, A Peroxa, Punxín, San Cibrao das Viñas, Toén, Vilamarín, Esgos e Nogueira de Ramuín, no que supón unha demanda histórica para a cidade e os concellos da área metropolitana, onde se concentra a metade da poboación da provincia.
O presidente provincial, Luis Menor, presidiu a terceira reunión do comité celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na que os representantes do Concello de Ourense informaron da licitación do contrato de transporte urbano na cidade, cuxa fase de presentación de ofertas remata nuns días. Este avance é fundamental para que a ampliación de liñas demandadas polos concellos sexa unha realidade.
Ademais do delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, na mesa de traballo estiveron representantes dos concellos citados, así como portavoces de PP, PSOE, BNG e DO na Deputación; a responsable da área provincial de Infraestruturas, Marta Docampo; o secretario xeral da Deputación, Juan Marquina; o xefe de servizo de Mobilidade, Hipólito Casas.
Os representantes dos concellos comprometéronse a concretar as frecuencias coas que desexan utilizar as liñas de transporte, xa determinadas.
Por outra banda, os representantes dos concellos que non resultan afectados nesta primeira fase do proceso, abordaron a reordenación do transporte metropolitano cos representantes da Xunta de Galicia. O goberno autonómico xa ten información sobre a mesa para trazar un mapa acorde á nova realidade que demandan os veciños para mellorar a súa conectividade.
“Un primeiro elemento imprescindible para dar máis pasos”
“Imos no bo camiño, o feito de que o prego do transporte municipal de Ourense estea licitado é un primeiro elemento imprescindible para dar máis pasos”, valora o presidente da Deputación trala terceira reunión do comité.
Menor destaca a “vontade” de tódolos concellos que forman parte do proceso, que se unen para “superar tódolos obstáculos e que o transporte metropolitano se poida implantar”. O presidente provincial subliña que o obxectivo final do proceso é dar á veciñanza “unha conexión áxil, segura e pública”.
A Deputación activou esta comisión político-técnica para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, cumprindo así o compromiso adquirido mediante acordo plenario unánime provincial.