HomeDeputaciónsDeputación OurenseO Concello de Ourense e a UTE Veolia-Plexus Tech avanzan na execución...

O Concello de Ourense e a UTE Veolia-Plexus Tech avanzan na execución do PERTE da Auga para impulsar a transformación dixital e sostible da cidade

- Anuncio -spot_img

Cun orzamento estimado de 4,5 millóns de euros, o proxecto permitirá mellorar a eficiencia da rede, reforzar o control da calidade da auga e avanzar na dixitalización integral do servizo

O Concello de Ourense xa iniciou a execución do PERTE de Dixitalización do Ciclo Integral da Auga, unha iniciativa estratéxica que permitirá modernizar en profundidade a xestión dun recurso esencial como é a auga, apostando pola innovación tecnolóxica, a sustentabilidade ambiental e a mellora continua do servizo á cidadanía. Unha das primeiras actuacións do proxecto está a ser a substitución de contadores por equipos de telelectura, traballos que xa se atopan en marcha en distintos puntos da cidade e que supoñen o punto de partida dunha transformación integral do sistema.

O proxecto, denominado “Ourense termal verde e dixital”, foi presentado polo Concello de Ourense á segunda convocatoria do PERTE de dixitalización da auga impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), obtendo financiamento no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e conta cun orzamento estimado de 4,5 millóns de euros.

As actuacións están lideradas pola UTE formada por Veolia, como entidade responsable da xestión do ciclo integral da auga, e por Plexus, como socio tecnolóxico, encargado do deseño e da implantación das solucións dixitais do proxecto, incluíndo plataformas intelixentes, análise avanzada de datos e sistemas de ciberseguridade, conforme aos estándares vixentes.

Dixitalización integral para unha xestión máis eficiente e sostible

O PERTE permitirá avanzar cara unha xestión intelixente e integrada de todo o ciclo da auga en Ourense. Entre as actuacións previstas inclúese a implantación de sistemas de telelectura, coa substitución de máis de 6.500 contadores, especialmente nas zonas máis afastadas do extrarradio, o que posibilitará un control continuo do consumo e unha detección máis rápida de incidencias e fugas.

A rede municipal de abastecemento será completamente sectorizada, dividíndose en 40 sectores independentes, con control continuo dos estándares de calidade da auga así como de caudais e presións. Esta actuación permitirá reducir perdas, mellorar a eficiencia operativa e optimizar o mantemento da infraestrutura.

No ámbito do saneamento, o proxecto contempla a dixitalización integral dos tanques de tormenta, puntos de vertedura, estacións de bombeo, así como das 7 depuradoras (EDAR).

Tamén contempla a implantación de modelos matemáticos avanzados tanto para o abastecemento como para o saneamento. Estes modelos integraranse nun centro de control situado na EDAR de Reza, desde o que se poderá supervisar o funcionamento do sistema en tempo real e analizar a súa evolución futura.

Enerxía renovable, resiliencia climática e participación cidadá

O PERTE inclúe tamén actuacións orientadas á eficiencia enerxética e á sustentabilidade ambiental, como a instalación dunha planta fotovoltaica na EDAR de Reza (da que xa se executou un 33 %), combinada coa dixitalización dos procesos e o control continuo da calidade da auga. Ademais, despregarase unha rede de estacións meteorolóxicas que permitirá integrar información climática en tempo real, anticipar situacións de seca ou inundacións e adaptar a xestión da auga aos retos do cambio climático, en coherencia co Plan de Cidade Verde.

Instalación fotovoltaica na EDAR de Reza (Ourense)

O proxecto contempla igualmente a produción de auga rexenerada, que poderá utilizarse para servizos municipais como baldeos e rega de zonas verdes, co obxectivo de minimizar consumos e avanzar cara un modelo máis eficiente e responsable.

Un dos piares fundamentais do PERTE será a posta en marcha dunha plataforma dixital de acceso cidadá, que ofrecerá información pública en tempo real sobre o estado da rede de abastecemento e saneamento. A cidadanía poderá consultar datos actualizados e comunicarse co servizo municipal a través das canles existentes, mesmo achegando información gráfica, reforzando así a transparencia e a participación.

Desde o Concello de Ourense destacan que “este PERTE supón un paso decisivo para coñecer mellor o funcionamento do sistema da auga, anticiparnos a situacións críticas e ofrecer un servizo máis eficiente, sostible e transparente”.

Con este proxecto, Ourense consolida o seu compromiso coa innovación, a sustentabilidade e a modernización dos servizos públicos, sentando as bases dun modelo de cidade máis resiliente, intelixente e preparada para afrontar os retos presentes e futuros.

SOBRE VEOLIA

O grupo Veolia aspira a converterse na empresa de referencia da transformación ecolóxica. Presente nos cinco continentes con preto de 215.000 empregados, o grupo deseña e desprega solucións útiles e prácticas para a xestión da auga, dos residuos e da enerxía, que están a contribuír a dar un xiro radical á situación actual. A través das súas tres actividades complementarias, Veolia contribúe a desenvolver o acceso aos recursos, así como a preservar e renovar os recursos dispoñibles. En 2024, o grupo Veolia subministrou auga potable a 111 millóns de habitantes e saneamento a 98 millóns, produciu 42 millóns de megavatios hora de enerxía e tratou 65 millóns de toneladas de residuos. Veolia Environnement (París Euronext: VIE) acadou uns ingresos consolidados de 44.700 millóns de euros en 2024. www.veolia.com

Publicacións Relacionadas