– A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou en Santiago de Compostela na presentación da décimo terceira edición desta cita musical que incluirá 14 destacados concertos en escenarios emblemáticos da Mariña
– García Porto sinalou que este evento “é un exemplo de como a cultura pode medrar con sentido desde o territorio, combinando excelencia artística cunha vontade clara de achegar a música clásica á cidadanía e de integrala na vida da Mariña lucense”
– Como novidade, o programa inclúe unha actuación extraordinaria do pianista ruso Grigory Sokolov, que volverá a tocar en Galicia tras 20 anos. O evento será no Fuxan os Ventos de Lugo o 9 de agosto
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela na presentación da décimo terceira edición do Festival Bal y Gay, unha cita de referencia en España que conta co apoio da institución provincial. A programación deste ano, marcada polo seu carácter internacional, inclúe 14 concertos que se celebrarán en paraxes únicas da Mariña do 5 ao 21 de agosto. Como novidade, o pianista ruso Grigory Sokolov regresará a Galicia tras 20 anos cun concerto o 9 de agosto no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo. Será, ademais, a primeira vez que o festival chega á capital lucense.
No acto de presentación desta cita, á que tamén asistiu a directora do Festival Bal y Gay, Alba Rodríguez, e o Presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, entre outras autoridades; a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, destacou que “este evento é un exemplo de como a cultura pode medrar con sentido desde o territorio, combinando excelencia artística cunha vontade clara de achegar a música clásica á cidadanía e de integrala na vida da Mariña lucense”. Neste sentido, subliñou que a programación desta nova edición “reflicte esa identidade propia, cun percorrido pola música vocal, barroca, de cámara e polo gran repertorio pianístico, da man de artistas e formacións de primeiro nivel”.
Así mesmo, García Porto puxo en valor a vinculación do festival co territorio, sinalando que “cada concerto se desenvolve en espazos que forman parte da identidade da Mariña, creando un diálogo natural entre música e patrimonio e facendo que a cultura se viva con proximidade e normalidade”. A Deputada incidiu en que “iniciativas como esta contribúen a dinamizar a comarca e a proxectar a provincia de Lugo como un destino cultural de calidade”, ao tempo que reiterou o compromiso da institución provincial co apoio a proxectos que “entenden a cultura como un dereito e como unha ferramenta útil para fortalecer o territorio”.
Programa
Esta 13ª edición inaugurarase co conxunto vocal Vox Luminis, dirixido por Lionel Meunier, o día 5 de agosto (21.00) na Catedral de Mondoñedo. Posteriormente, o pianista Moisés Sánchez actuará xunto á violinista Ana María Valderrama e ao contrabaixista Pablo Martín Caminero o día 6 (20.30) no Castelo de Castro de Ouro de Alfoz. A continuación, a soprano Auxiliadora Toledano e o pianista Javier Carmena estarán o día 7 (21.00) no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Pola súa banda, o violista Antoine Tamestit e a violinista Alexandra Preucil protagonizarán o concerto do día 8 (20.30) na Basílica de San Martiño de Foz. O prestixioso pianista Grigory Sokolov concluirá este primeiro bloque do festival o día 9 (19.30) no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo.
O segundo tramo comezará coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos, o día 13 (21.00) na Igrexa de Santa María del Campo de Ribadeo. A programación proseguirá co tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena o día 14 (20.30) no Auditorio Casa da Cultura de Burela. Iria Folgado (oboe e corno inglés), Raquel Areal (violín), Sara Areal (violín), Marta Rodríguez Otero (viola) e Millán Abeledo Malheiro (violonchelo) presentarán outro dos concertos deste ano o día 15 (20.30) no Pazo de Fontao de Foz. Este segundo bloque finalizará co concerto-conferencia dedicado a Marcial do Adalid a cargo de Martín Llade e Clara Corrales (Radio Clásica – RNE) o día 16 (20.00) no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo.
O último tramo abrirase coa pianista Yulianna Avdeeva o día 17 (20.30) no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo. A Ritirata con Josetxu Obregón chegará o día 18 (20.30) ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida por Miguel Sepúlveda, actuará o día 19 (21.00) na Catedral de Mondoñedo e KamBrass o día 20 (20.30) no Museo e Fábrica de Sargadelos de Cervo. O barítono Samuel Hasselhorn, acompañado por Daniel Heide (piano), clausurará esta 13ª edición o día 21 (20.30) na Basílica de San Martiño de Foz.

