O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá este venres 23 a cuarta edición deste foro feminino, organizado pola Cadena SER e a Deputación de Lugo, no que participará a ex-ximnasta olímpica Almudena Cid, nais profesionais con diferentes modelos familiares e expertas en reprodución, xinecoloxía e solo pélvico
A presidenta provincial, Carmela López, abrirá ás 19:30h unha gala conducida pola xornalista Sara Meijide, e que combinará conversa, experiencias persoais, divulgación, humor, música, participación e moitas sorpresa
O foro Con Voz de Muller xera unha gran expectación na cidade, pois ven de esgotar as súas entradas días antes da súa celebración, que terá lugar este venres 23 de outubro, a partir das 19:30 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos.
Este foro, que pon no centro do debate as experiencias de mulleres, está organizado pola Deputación de Lugo e Radio Lugo Cadena SER. Baixo o lema Nin boas nin malas: nais, a cuarta edición deste encontro propón falar da maternidade desde a diversidade, afastándose de modelos únicos e das etiquetas sobre o que significa ser nai.
A presidenta provincial, Carmela López, será a encargada de abrir o evento nunha conversa coa xornalista Sara Meijide, creando un espazo de reflexión que dará paso á mesa redonda Maternidade sen manual. Estará protagonizada por tres mulleres con percorridos moi diferentes, pero todas cun elemento común e experiencias persoais que permiten amosar que non existe unha única maneira de construír unha familia nin de vivir a maternidade.
Participará Iria López, CEO de Bebé Ratón, que combina a maternidade co emprendemento. Tamén estará Isabel Ares, responsable de Isabel Ares Peluquería Unisex, que aos 40 anos decidiu cumprir o seu desexo de ser nai recorrendo á reprodución asistida. Patricia Díaz, xogadora profesional de fútbol e nai, actualmente no Real Avilés C.F. e anteriormente xogadora en diversos equipos, entre eles o Club Deportivo de A Coruña, será tamén protagonista.
O encontro contará tres historias diferentes que servirán para poñer sobre a mesa as presións, expectativas e decisións que acompañan a maternidade, así como a necesidade de falar dela sen xuízos nin modelos preestablecidos.
A artista Laura LaMontagne será a encargada de poñer a banda sonora a esta cuarta edición de Con Voz de Muller, nunha noite na que a música volverá formar parte dun encontro pensado para conversar, compartir, emocionarse e tamén gozar.
As portas abriranse ás 19:30 horas para recibir ao público nunha noite que combinará conversa, experiencias persoais, divulgación, humor, música, participación e moitas sorpresas.
Concurso Derribando mitos, construíndo realidades
Con Voz de Muller contará tamén co concurso Derribando mitos, construíndo realidades, no que tomará boa parte o público que terá que decidir entre mito ou realidade. As respostas estarán acompañadas das explicacións de Vanessa Lora, xinecóloga especializada en reprodución asistida de EVALO, e Patricia Pontón, fisioterapeuta especializada en solo pélvico.
A proposta permitirá achegar información e divulgación sobre reprodución, saúde da muller e solo pélvico desde unha perspectiva próxima e comprensible, ao tempo que incorpora o humor e a participación como elementos do encontro.
Almudena Cid pechará a gala
A última conversa da xornada terá como protagonista a ex-ximnasta olímpica Almudena Cid, unha das figuras máis recoñecidas da ximnasia rítmica española, catro veces olímpica e actualmente integrante do Consello Español para a Igualdade no Deporte.
Cid achegará a súa experiencia ao debate sobre maternidade e deporte de elite, nun momento no que a relación entre carreira deportiva, saúde reprodutiva e maternidade ocupa cada vez máis espazo na conversa pública. A súa perspectiva permitirá abordar as presións que poden levar as deportistas a ter que escoller entre a continuidade da súa carreira e o desexo de ser nais, así como a importancia de que as mulleres poidan tomar estas decisións con liberdade e sen condicionamentos.

