O salón de plenos acolleu a presentación do torneo, no que colabora o Concello, clasificatorio para o campionato de España absoluto
O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación do I Open de tenis masculino Cidade de Ourense, clasificatorio para o campionato de España absoluto, na categoría 1.000. O Concello colabora neste torneo, que organiza a Federación Galega de Tenis, co apoio de diferentes institucións e empresas, e se desenvolve até o domingo, 29 de xuño no Club Santo Domingo, con entrada libre e gratuíta.
No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, o deputado provincial Jorge Pumar, o asesor de Deportes da Deputación, Quique Álvarez, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez González, a directora territorial da Consellería de Presidencia, Beatriz Fernández, o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera, e a directora do torneo, Elsa Corral Hidalgo.
O torneo forma parte do circuíto de nacionais clasificatorios para o Campionato de España, na súa máxima categoría, que é a dos torneos que lle outorgan ao gañador un premio de 1.000,00€. A competición de Ourense é tamén unha das que dan máis puntos para a clasificación para o campionato de España, que se disputará en decembro, e tamén para a clasificación nacional.
Entre os participantes, polo seu ranking e resultados, salienta a presenza de xogadores mozos con moito futuro por diante, como o número 1 do cadro, o pontevedrés, de familia moi coñecida neste deporte, Iago Domínguez Álvarez de 22 anos, actual campión galego absoluto, e os tamén galegos Pablo Gregores Vila e Borja Fernández Couto Goi, así como o asturiano Diego Blanco Goytia. Xogarán tamén no Club Santo Domingo os coñecidos ourensáns Diego Blanco, Izán Díaz e Rodrigo Pérez.