HomeDeputaciónsDeputación OurenseO Partido Popular de Ourense impulsa o grupo “Seniors en Acción” para...

O Partido Popular de Ourense impulsa o grupo “Seniors en Acción” para reivindicar o talento e a experiencia dos maiores na vida pública

- Anuncio -spot_img

·      O PPdeOU presenta o seu manifesto fundacional, onde rexeita que a idade sexa sinónimo de “caducidade” e defende que os maiores son un “investimento” e ofrecen “estabilidade” á sociedade actual 

·      O grupo nace co obxectivo de fomentar a conexión interxeracional e poñer o “sentido común” acumulado durante décadas ao servizo do proxecto político

O Partido Popular de Ourense puxo en marcha un novo equipo de traballo que, baixo o nome de “Séniors en Acción”, está integrado por persoas maiores que buscan reivindicar a súa capacidade para xogar un papel activo na política.

Coincidindo coa súa posta en marcha, o grupo redactou un manifesto fundacional no que se rexeita a identificación da idade coa caducidade ou como unha simple carga orzamentaria e sanitaria. Fronte a esta visión, “Séniors en Acción” defende unha idea central: “Maiores si; vellos non”.

Os membros do grupo poñen en valor o talento acumulado, a experiencia profesional e o sentido común forxado tras décadas de responsabilidade nas súas traxectorias profesionais. Segundo o documento, esta perspectiva é “un valor que ningunha universidade ensina e que ningunha intelixencia artificial pode simular”.

Nesta liña, desde o PP de Ourense destácase que a xeración actual de máis de 65 anos é moi distinta á de hai medio século. Un colectivo “formado e activo”, recolle o manifesto, pois moitos maiores continúan traballando, emprendendo ou colaborando en voluntariados.

Tamén se destacan outros aspectos, como a súa formación dixital por tratarse de persoas con plena capacidade e ganas de participar na sociedade a través das novas tecnoloxías, ou o apoio que ofrecen á conciliación familiar e mesmo desde o aspecto económico en momentos de crises.

EXPERIENCIA, PRUDENCIA E CRITERIO

O grupo “Seniors en Acción” nace coa vocación de influír na vida pública desde unha posición de experiencia, prudencia e criterio. En palabras dos seus fundadores, non son un gasto, senón un “investimento” e unha “reserva de estabilidade”. Unha sociedade que mete nun recuncho aos seus maiores, reza o manifesto, envíase a se mesma a mensaxe de que “o valor humano ten data de caducidade”.

Con esta iniciativa, o Partido Popular de Ourense reafirma o seu compromiso coa conxeción interxeracional, convencido de que a verdadeira fórmula do progreso reside en combinar a enerxía da mocidade coa reflexión que achega a experiencia.

Publicacións Relacionadas