Na última sesión do ano aprobouse unha iniciativa na que se pide ao Goberno de España que mellore o deficiente servizo que presta Correos na provincia de Ourense, cancelando o peche de oficinas e a supresión de días de reparto que acentúan a perda de servizos no rural, ademais de repoñer postos de traballo vacantes
Tamén houbo consenso para a ampliación do prazo de xustificación das sete residencias de maiores que se están a construír noutros tantos concellos ourensáns, proxectos que a Deputación cofinancia con preto de 1,5 millóns de euros
O Pleno da Deputación de Ourense, na súa última sesión do ano, acordou constituír un grupo de traballo, integrado por todos os grupos políticos representados na Corporación provincial, que terá como obxectivo definir a sede definitiva que acollerá a delegación da Deputación na comarca de Valdeorras.
A proposta, aprobada por unanimidade, implica o estudo do lugar no que se situará a delegación provincial, así como as súas características e as competencias ou servizos que se poidan situar na futura sede.
Ao mesmo tempo, o grupo de traballo tamén terá como finalidade estudar o proceso de rehabilitación do edificio mercado na vila da Rúa en 2022 pola Deputación, na confluencia das rúas Progreso e Benito Fernández, inicialmente destinado a coller instalacións provinciais.
Desde setembro de 2023, a Deputación de Ourense conta cunha sede na Casa Grande de Viloira, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia, propietaria do inmoble e onde ten servizos administrativos para a comarca.
Residencias centros de atención a maiores
Doutra banda, no pleno aprobouse a ampliación do prazo de xustificación das sete residencias de maiores que se están a construír noutros tantos concellos ourensáns, en virtude do convenio asinado coa Xunta de Galicia no marco do Plan de Investimentos para Equipamentos Sociais na provincia de Ourense.
Os sete centros de atención a maiores que están en construción son os da Teixeira, Laza, Os Blancos, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambía e A Gudiña, proxectos que a Deputación cofinancia con preto de 1,5 millóns de euros en dúas anualidades -2024 e 2025-, asumindo a parte que lle correspondería aportar aos concellos. Hai dous excepcións: A Teixeira, que tamén achega case 337.000 euros, e Trasmiras que incorpora 747.500 euros a través de cofinanciamento privado.
Estes convenios regresan ao pleno para ratificar a ampliación do prazo de xustificación das obras acordado pola Xunta de Galicia, límite fixado agora no 30 de xuño de 2026.
O Plan de Investimentos para Equipamentos Sociais da Xunta de Galicia ten un orzamento de 14 millóns de euros e o seu obxectivo e mellorar a calidade asistencial aos maiores. Este plan conta coa colaboración da Deputación de Ourense, que achega 2,3 millóns. A construción, reforma ou ampliación destes centros facilitará a creación de 375 prazas en 16 concellos.
Administración dixital
A Corporación provincial tamén aprobou a adhesión da Deputación ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para compartir plataformas, infraestruturas, recursos e servizos que contribúan ao desenvolvemento da administración dixital, unha maior aproximación á cidadanía e unha prestación máis eficiente dos servizos públicos.
Mediante este convenio póñense a disposición das entidades locais galegas infraestruturas tecnolóxicas e servizos comúns que forman parte do Catálogo de sistemas dixitais. Tamén terán á súa disposición un catálogo de servizos organizados en tres categorías: servizos dixitais da Xunta; especializados en seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais, e datos e territorio.
Tamén aprobouse definitivamente o programa para 2026 de colaboración coas entidades locais para a xestión do ciclo da auga. Xunto con modificacións nos prezos do servizo, incorpóranse novas liñas específicas derivadas do proxecto Ou-Intelixente (PERTE de dixitalización do ciclo da auga), coa instalación de case 65.000 contadores dixitais con telelectura, ou a dixitalización de estacións potabilizadoras e de depuración.
Ademais aprobáronse definitivamente as bases do Programa Especial de Cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense, no período 2025-2026, cunha achega provincial de 139.500 €.
Mellora do servizo de Correos na provincia
O Pleno aprobou tamén unha moción na que se pide ao Goberno de España que mellore o deficiente servizo que presta Correos na provincia de Ourense, cancelando o peche de oficinas e a supresión de días de reparto que acentúan a perda de servizos no rural. Solicítase tamén que se repoñan os postos de traballo vacantes para solucionar os problemas de persoal que sofre o servizo.
A iniciativa, en cuxa explicación participou Paz Saavedra, representante do sindicato CC.OO, proponse tamén instar ao Goberno de España a garantir que Correos pertenza sempre ao sistema público, impedindo calquera modelo privatizado, así como a convocar a cobertura das prazas a xornada completa para garantir o seu correcto funcionamento.



