Ante a crecente demanda de novas infraestruturas deportivas que respondan ás necesidades da poboación, a Corporación insta ao Concello de Ourense a que coordine coa Xunta de Galicia e a Deputación a construción dunhas novas instalacións que acollan competicións de alto nivel
Aprobouse o novo sistema de carreira administrativa para as persoas empregadas na Deputación, co fin de recoñecer o desenvolvemento profesional, tanto en coñecementos como en formación, experiencia, participación ou iniciativas, procurando que aumente a motivación e a satisfacción profesional
O Pleno, último do primeiro semestre, debateu e aprobou outras tres mocións sobre os riscos por acumulación de biomasa, deducións fiscais para as persoas que residan no rural e unha proposta de colaboración cos clubs para loitar contra a violencia no deporte
O Pleno da Deputación de Ourense acordou hoxe por unanimidade impulsar a colaboración entre administracións para promover un novo pavillón deportivo multiusos na comarca de Ourense, conscientes de que hai deportes aos que “sería necesario buscarlle novos espazos para a súa práctica”, sinala o texto da moción conxunta aprobada na sesión desta mañá, correspondente ao mes de xullo.
O conxunto dos grupos políticos na Corporación -PP, PSOE, BNG e DO- puxeron de manifesto a “crecente demanda de novas infraestruturas deportivas que respondan ás necesidades da poboación e á evolución da práctica deportiva”. Así, a proposta insta ao Concello de Ourense a que asuma a coordinación entre administracións para promover unha mesa na que participen a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Ourense para construír un novo pavillón, capaz de acoller competicións de alto nivel tanto pola altura como pola superficie das instalacións.
Tamén se pide ao Concello ourensán que realice un estudo técnico sobre a viabilidade urbanística e cronograma temporal das localizacións onde podería situarse o pavillón. Á Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Ourense pídese que avalíen as posibilidades de consignar unha partida orzamentaria específica nas súas próximas contas para colaborar no financiamento das novas instalacións deportivas.
Con referencia concreta á Deputación, a moción pide que se impulse o recoñecemento oficial de Ourense como “capital da ximnasia de Galicia”, ante as instancias autonómicas e nacionais, co fin de “reflectir a realidade deportiva da provincia e potenciar a súa proxección como destino de turismo deportivo”.
Carreira administrativa para o persoal funcionario
Na sesión desta mañá, a última da primeira metade do ano, o Pleno aprobou o regulamento do sistema de carreira administrativa para as persoas empregadas na Deputación de Ourense. Esta iniciativa enmárcase nos obxectivos do Goberno provincial de mellora dos servizos públicos que presta a Deputación, para o que se necesita unha axeitada xestión do principal activo que é o capital humano.
Así, a carreira profesional abre a vía ao persoal funcionario para progresar de maneira individualizada en recoñecemento ao seu desenvolvemento profesional, tanto en coñecementos como en formación, experiencia, participación ou iniciativas concretas de traballo, procurando así que aumente a motivación e a satisfacción profesional, o que redundará nunha maior eficacia das competencias asignadas.
O regulamento establece unha carreira distribuída en catro graos: inicial, con cinco anos de servizo na administración provincial; grao 1, con cinco anos máis de servizo e 40 horas de formación, fase que se atopa en período de negociación; grao 2 con dez anos e cen horas formativas; o grao 3 cun total de quince anos máis 150 horas de formación; e o grao 4 con 20 anos na administración provincial e 200 horas de formación. Cada un dos graos terá unha retribución anual distribuída en doce meses e segundo as categorías de cada traballador.
Para aplicar este regulamento crearase un comité de valoración a través da área de Recursos Humanos, estando previsto implantar en dous anos os graos 1 e 2.
Conta xeral e Plan Económico Financeiro
Entre os asuntos de trámite, a Corporación aprobou a conta xeral da Deputación correspondente ao exercicio de 2024, que presenta como resultado orzamentario axustado máis de 35,1 millóns de euros. Esta conta xeral inclúe as cifras do Inorde, máis de 666.500 euros; do Consorcio provincial do Servizo contra Incendios e de Salvamento, case 1,2 millóns; e do Consorcio de Augas de Valdeorras, con preto de 78.200 euros.
Dentro do ámbito económico tamén se aprobou inicialmente o Plan Económico-Financeiro da Deputación, documento de obrigada redacción xa que a liquidación do orzamento de 2024 incumpre a regra de gasto por un importe superior a 16,8 millóns de euros. Tamén deuse conta da corrección dun erro no convenio entre a Deputación e a Comunidade de Regantes Nova Limia, por importe de 4 millóns de euros, onde a anualidade correspondente a 2024 é de 600.000 euros, xa transferidos.
Outros asuntos que obtiveron o visto bo foron a modificación das bases de execución do orzamento vixente polo cambio de finalidade das subvencións aos concellos de Nogueira de Ramuín, Bande, Cenlle, Vilamarín, Boborás, Cortegada, A Peroxa e Vilar de Barrio, así como á Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas e a Circuítos Permanentes TricTrack, ademais do cambio de titularidade dun treito da estrada provincial OU-0701 a favor do Concello de Manzaneda.
Renuncia de deputados
A sesión deste mes de xullo tivo un paréntese emotivo na Corporación como consecuencia da renuncia aos seus escanos de dous representantes do grupo socialista: a limiá Elvira Lama e o valdeorrés Aurentino Alonso, que serán substituídos no próximo pleno do mes de setembro.
Proposta sobre xestión da biomasa
De novo no capítulo de propostas, o Pleno acordou que a Deputación elabore un modelo de convenio marco, coordinado coa Xunta de Galicia, para apoiar aos concellos que non poidan actuar con eficacia ante situacións de risco provocadas pola acumulación de biomasa.
O convenio, de carácter voluntario, terá como fin a execución directa por parte dos concellos da limpeza de parcelas na contorna dos núcleos rurais, onde se constate o incumprimento da obriga de xestión da biomasa polos propietarios; que non se consiga localizar ou identificar ao titular da finca nun prazo razoable; que haxa risco evidente para a poboación e bens; ou que o concello non dispoña de medios para estes traballos, establecéndose prioridades como que a superficie do concello estea incluída en zonas de risco; o número de núcleos de poboación e dispersión dos habitantes: grao de abandono das parcelas; antecedentes de lumes forestais; capacidade técnica e administrativa do concello; e a pertenza ou non a unha mancomunidade con brigadas operativas.
Ademais, a Deputación dotará esta colaboración en 2026 cunha partida orzamentaria, priorizando o reforzo das brigadas conveniadas entre a Deputación e a Xunta nas mancomunidades para que poidan asumir a limpeza de parcelas sen propietario coñecido.
Para este convenio proponse a delegación de competencias na Deputación para a realización e cobro dos traballos e un protocolo técnico e xurídico de actuación. Neste contexto, reclámase a transferencia de competencias do catastro á comunidade galega, e mentres no se produza a sinatura dun convenio entre o Ministerio de Facenda e a Xunta de Galicia para a revisión inmediata dos datos catastrais.
A moción inclúe a proposta dun convenio coa Xunta de Galicia para estender estas actuacións a concellos que non pertenzan a mancomunidades, así como solicitar á administración galega que avalíe a execución subsidiaria da limpeza das parcelas, con medios propios, en determinados casos e situacións.
Deducións fiscais no rural
A Corporación tamén decidiu reclamar ao Goberno de España deducións fiscais de ata o 20 % para as persoas con residencia habitual en concellos ourensáns de menos de 5.000 habitantes.
Sinala a proposta que o despoboamento, envellecemento e dispersión de poboación teñen un impacto directo sobre a calidade de vida da cidadanía, especialmente nos concellos de menor tamaño, ameazando a cohesión territorial, á economía local e á sustentabilidade dos servizos públicos.
Neste sentido, enténdese que a provincia de Ourense cumpre sobradamente cos criterios obxectivos da Comisión Europea e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para ser considerada “zona escasamente poboada”, polo que se pide a inclusión da provincia nesta clasificación, solicitando ademais que estas deducións esténdanse a todos os concellos galegos que cumpran cos criterios de dispersión e despoboamento, garantindo a igualdade de trato territorial.
Protección fronte á violencia no deporte
Por último, aprobouse unha proposta de colaboración cos clubs deportivos para a implantación efectiva da Lei de Protección de Nenos, Nenas e Adolescentes fronte á Violencia no Deporte, a través dos obxectivos da Axenda 2023 referidos a saúde e benestar, igualdade de xénero e paz, xustiza e institucións sólidas.
Pídese desenvolver plans de formación nesta materia dirixidos a clubs deportivos, promovendo a colaboración con especialistas en dereitos da infancia e campañas de sensibilización para pais, adestradores e directivos.
Ínstase á Xunta de Galicia e aos concellos a establecer axudas para clubs deportivos que implanten accións en cumprimento da lexislación, e valorar que a Deputación complemente estas achegas. Tamén se propón establecer mecanismos de avaliación e seguimento da posta en marcha das accións, asegurando a súa efectividade na práctica e o cumprimento real dos obxectivos de protección da infancia no ámbito deportivo.