HomePontevedraBarroO pleno da Deputación aproba o expediente para adxudicar 31.000 metros cadrados...

O pleno da Deputación aproba o expediente para adxudicar 31.000 metros cadrados de chan industrial, divididos en dez parcelas, no polígono de Outeda, en Barro

- Anuncio -spot_img

A moción presentada polo Grupo Popular para o mantemento da estrutura dos Xulgados de Instrución de Vigo foi aprobada cos votos favorables dos deputados do PP e a abstención dos do PSOE e do BNG

Na sesión aprobouse a adxudicación do contrato do servizo de limpeza das sedes da Deputación e os proxectos de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil nas estradas provinciais EP-2202, en Oia; e EP-0503, en Moraña

A Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xuño celebrada este venres, o expediente para a adxudicación de dez parcelas no Polígono Industrial Outeda-Curro, no municipio de Barro, que ocupan unha superficie de máis de 31.000 metros cadrados. Un pleno no que tamén saíu adiante, cos votos favorables dos deputados do PP, a moción do grupo popular para reclamar o mantemento da estrutura dos xulgados de Instrución de Vigo, así como a aprobación da mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil nas estradas EP-2202en Oia; e EP-0503, en Moraña; a adxudicación dos cinco lotes do contrato do servizo de limpeza dos centros e sedes da Deputación e a aprobación definitiva do cadro de persoal do Consorcio Provincial de Pontevedra para o Servizo contra Incendios e Salvamento.

O pleno aprobou por unanimidade o expediente de concurso público para o alleamento ou constitución dun dereito de superficie, mediante procedemento aberto, dunha decena de parcelas do polígono industrial de Outeda-Curro, no municipio de Barro. Para a adxudicación destas parcelas proponse a convocatoria dun concurso público no que os interesados poden adquirir estas parcelas a través de dous réximes: coa adquisición do dereito de propiedade, por un lado: ou cun dereito de superficie por un pazo mínimo de 5 anos e máximo de 25, por outro. A superficie total supera os 31.000 metros cadrados e o prezo por metro cadrado é de 119,79 euros, IVE incluído. Coa aprobación deste acordo, a Deputación dispón a apertura do procedemento de adxudicación do concurso público cun prazo de presentación de ofertas que rematará ás 10 horas do día seguinte ao transcurso do prazo de 30 días naturais a contar desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.

Outro asunto aprobado nesta sesión foi o da moción presentada polo grupo popular relacionada co mantemento da estrutura dos Xulgados de Instrución de Vigo na que propoñía os seguintes acordos: Amosar o rexeitamento do pleno da Deputación de Pontevedra á decisión do Goberno de España de suprimir o Xulgado de Instrución número 8 de Vigo e instar a que esta medida sexa reconsiderada e revogada de inmediato, reclamar ao Goberno de España a creación do novo Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo sen que isto implique a perda dun xulgado de instrución, garantindo o mantemento dos oito actuais, instar ao Ministerio de Xustiza a atender as demandas da cidade de  Vigo, garantindo unha planta xudicial axeitada á súa carga de traballo e poboación e, finalmente, dar traslado destes acordos ao Ministerio de Xustiza, á Xunta de Galicia e ao Parlamento de Galicia. Unha moción que contou co voto favorable dos deputados do partido popular, mentres que os do PSOE e os do BNG optaron pola abstención.

Pola contra, foron rexeitadas as mocións presentadas polo grupo socialista para esixir á Deputación que inste ao presidente da Xunta a dar explicacións polo seu comportamento ante o caso do exconselleiro do Mar, así como a referida á posta en marcha dunha campaña de adopción de animais e a execución de obras de mellora e ampliación no CAAN.

Por unanimidade foron aprobados os proxectos de mellora da rede viaria provincial. En primeiro lugar, a aprobación definitiva do proxecto de mellora da mobilidade peonil ne EP-2202 entre Baiona e Loureza, entre os puntos quilométricos 17+350 ao 17+520, no termo municipal de Oia. E, en segundo lugar, a aprobación inicial do proxecto para o ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0503 entre Mané e Rebón, desde o punto quilométrico 2+300 ai 3+624, no concello de Moraña. Co apoio unánime de todos os grupos foi aprobado tamén a adxudicación do contrato do servizo de limpeza dos centros e sedes da Deputación que, dividido en cinco lotes, supón un investimento superior aos 4 millóns de euros para os vindeiros dous anos.  Do mesmo xeito, foron aprobadas a modificación do cadro de persoal do Consorcio Provincial para a prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento e a conta xeral da Deputación correspondente ao ano 2024.

Publicacións Relacionadas