Home Deputacións Deputación Pontevedra O pleno da Deputación aproba o orzamento máis alto da historia da...

O pleno da Deputación aproba o orzamento máis alto da historia da institución, 209M€ dos que un terzo destínanse á cooperación cos concellos

- Anuncio -

A derradeira sesión plenaria do ano serviu para a aprobación definitiva dun Orzamento que reforza áreas estratéxicas como Turismo, Deporte, Cultura, Infraestruturas ou Acción Comunitaria e que, nunha nova mostra de estabilidade, entrará en vigor o 1 de xaneiro

As bases do +Provincia, que incorporan por primeira vez a posibilidade de realizar investimentos plurianuais, foron aprobadas por unanimidade

O pleno aproba as mocións do Grupo Popular para sumarse ao Pacto pola Lingua e solicitar compromiso ao Goberno central co AVE de Vigo a Porto

Isabel Couselo renuncia por petición propia ao seu cargo de deputada de Infraestruturas para incorporarse á Xunta como xefa territorial de Cultura, Lingua e Xuventude

A Deputación de Pontevedra deu luz verde de xeito definitivo este venres, nunha sesión plenaria ordinaria, á aprobación do orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2025. Trátase do Orzamento máis alto da historia da Deputación, que alcanza os 209 millóns de euros, un 10,5% e 20 millóns máis que o do presente ano 2024. Un documento que afonda no municipalismo instaurado polo goberno que dirixe Luis López ao destinar aos concellos un terzo do orzamento e que reforza áreas estratéxicas como o turismo, o deporte, a cultura, a acción comunitaria ou as infraestruturas. Así mesmo, a sesión serviu para aprobar as bases da segunda edición do Plan +Provincia, o Plan de Obras e Servizos da Deputación, que volve tocar teito cun orzamento de 48,2M€, e que incorpora a posibilidade de realizar investimentos plurianuais como principal novidade. Ademais, o pleno aceptou á renuncia ao seu cargo de deputada de Isabel Couselo, que será a nova xefa territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na provincia de Pontevedra.

Neste mesmo pleno, tamén saíu adiante o proxecto para a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no concello de Pazos de Borbén; a adhesión da Deputación á central de contratación da Fegamp e ao contrato centralizado para a prestación de servizos postais e a solicitude de compatibilidade no sector privado dun funcionario desta Administración. No apartado de mocións, os votos favorables dos deputados do Partido Popular e do BNG, malia abstención do Grupo Socialista, serviron para aprobar unha solicitude ao Goberno de España para esixirlle compromiso coa construción da liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto para a súa entrada en funcionamento no ano 2030. Do mesmo xeito, aprobouse o apoio da Deputación ao Pacto pola Lingua grazas ao apoio do Grupo Popular, malia o rexeitamento do BNG e a abstención do PSOE. Pola contra, foron rexeitadas as propostas do PSOE para reprobar ao goberno da Deputación pola súa actitude antidemocrática e a instar á Xunta a acometer de xeito urxente a reforma integral dos centros educativos da provincia.

Co voto favorables dos deputados do Grupo Popular, a pesar da abstención do BNG e o voto en contra do PSOE, foi aprobado de xeito definitivo o Orzamento máis alto da historia da Deputación. Despois de dar conta do rexeitamento das alegacións presentadas ao documento e da rectificación do cadro de persoal e RPTs, o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, repasou os apartados máis destacados dun Orzamento que destina a maior parte dos seus recursos á área de Cooperación, que conta cunha partida de 71,4 M€, unha suba de 5,2Me con respecto ao 2024, o que supón un terzo do total destinado á colaboración cos concellos.

As contas da Deputación para o vindeiro ano inclúen tamén un aumento das partidas de áreas estratéxicas como o deporte, que medra case nun 15 %, ata os 6,4 millóns; os recursos para turismo crece tamén nun 8% ata acadar os 6M€; a partida para Cultura sube un 14 %, ata os 5,4M€; os fondos para Acción Comunitaria increméntanse nun 20 %, ata os 2,4 millóns de euros; e o Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais contará para o vindeiro ano cun total de 24 millóns de euros, unha suba de 8 millóns.

Nesta mesma sesión e por unanimidade aprobáronse as bases da segunda edición do plan de obras e servizos da Deputación, o +Provincia. Un programa de cooperación cos concellos dotado con 48,2 millóns de euros que se repartirán en catro liñas de actuación: A Liña 1 (33,74M€), para investimentos; a liña 2 (4M€), para actividades, gastos correntes e obras puntuais non cualificables como investimentos; a liña 3 (9,25M€), para activación do emprego; e a liña 4 (1,2M€), para a redacción de proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas. Como na primeira edición deste programa, as bases incorporan o factor do reto demográfico —envellecemento e perda de poboación— para un reparto máis xusto dos recursos entre os concellos.

A principal novidade do +Provincia 2025 está na inclusión por primeira vez da posibilidade de realizar investimentos plurianuais. Unha medida que ten como obxectivo dotar de maior flexibilidade e dar máis facilidades aos gobernos locais para que poñan en marcha proxectos estratéxicos. Poderán recorrer a investimentos plurianuais para obras que superen os 250.000 de anualidade media ou para adquisicións de bens inmobles

Renuncia da deputada Isabel Couselo

Fóra da orde do día, o pleno deu conta da renuncia, por petición propia, da deputada Isabel Couselo, responsable da área de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación, que será nomeada como nova xefa territorial da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude na provincia de Pontevedra. “Dela só podo ter palabras de consideración cara a súa enorme capacidade de xestión, de recoñecemento cara a súa capacidade de traballo e cara os logros que acadou en só 17 meses no goberno, nun área extremadamente complexa e de agradecemento tanto desde o punto de vista institucional, como presidente, como desde o punto de vista persoal. A Xunta de Galicia incorpora a unha persoa extremadamente válida e pola nosa banda só podemos desexarlle sorte e acertos a Isabel na súa nova andaina profesional”, recoñeceu o presidente da Deputación, Luis López, antes do inicio do pleno. Durante a sesión, foi o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, así como os integrantes dos grupos do PSOE e do BNG, os que recoñeceron o gran traballo realizado pola xa exdeputada provincial e lle desexaron sorte para o futuro. “Déixanos a súa solvencia e compromiso cos concellos e ocupa xa unha páxina na historia desta casa”, concluíu jorge Cubela.

Relacionadas

A Xunta comproba o avance das obras da nova residencia e centro de día...

0
O Goberno galego achegou máis de 130.000 euros ao soterramento da liña eléctrica que estaba instalada na parcela na que se constrúe o centro O...

Baiona mantén a súa Cabalgata o domingo pola tarde

0
O domingo 5 de xaneiro está previsto que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestosas carrozas e...

A Deputación bota o peche do xogo de escapismo do Castelo de Soutomaior coas...

0
O xogo, para o que están á venda as entradas dos oito pases que se realizarán o sábado 11 e o domingo 12 de...

A Deputación acada en 2024 o maior dato en dez anos de visitas ás...

0
Increméntase o número de visitantes individuais, grupos e participantes en actividades, aínda que o dato global baixa debido ao peche das ruínas de San...

O Porriño prepárase para recibir ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente no...

0
● 120 personas acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar a partir das 17:30 h no pavillón municipal ● Os Reis Magos chegarán no Tren do...

A Deputación mantén aberta a exposición “Cines de Pontevedra” en Vigo ata o próximo...

0
A mostra pode visitarse na sala Rosalía de Castro da sede viguesa da institución provincial e busca rememorar os recordos dos vellos cines e...

Publicacións Relacionadas