A moción, proposta polo grupo maioritario popular, contou con respaldo do grupo do Bloque Nacionalista Galego e inclúe a solicitude a Transportes da liberalización da peaxe do treito da AP-9 entre O Porriño e Puxeiros como alternativa
A sesión tamén serviu para aprobar os expedientes de contratación dos servizos de limpeza e vixilancia dos centros e sedes da Deputación, así como unha ferramenta para axilizar as licenzas urbanísticas en treitos urbanos de núcleos rurais próximas a estradas provinciais
A Deputación aproba a adhesión ao convenio coa Xunta, a FEGAMP e as outras tres deputacións para o desenvolver ata o 2027 os Grupos de Emerxencias Supramunicipais
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xuño, unha moción presentada polo Grupo Popular a través da cal insta ao Goberno central a buscar alternativas ao trazado proposto para o proxecto da autovía A-52 pola grave afección que provoca á veciñanza dos concellos de Vigo e Mos. Así mesmo, a sesión serviu para aprobar os expedientes de contratación dos servizos de limpeza e vixilancia para as sedes e centros da Deputación e o estudo de ordenación e delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural nas marxes das estradas provinciais e a actualización do catálogo de estradas de titularidade provincial, así como a adhesión da Deputación ao convenio de colaboración coa Xunta, a FEGAMP e as outras tres deputacións de Galicia para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais para o período 2025-2027, a aprobación da Axenda Urbana da área funcional do Val Miñor e a corrección dun erro nas bases do Plan +Provincia 2025.
Cos votos favorables dos deputados do Grupo Popular e do BNG, a pesar do voto en contra dos deputados do PSOE, saíu adiante a moción defendida pola vicepresidenta Luisa Sánchez para reclamar ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que propoña novas alternativas ao trazado proposto para a A-52 pola grave afección que provocará a propietarios en parroquias como Bembrive, en Vigo; e de Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga, en Mos; así como a apertura dun período de interlocución, institucional e técnica, con todos os concellos afectados para definir a actuación de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura axeitada e segura para a mobilidade da zona. Ao mesmo tempo, solicítase tamén ao Goberno central a liberalización inmediata da peaxe do tramo O Porriño -Puxeiros da AP-9. “Non hai dúbida sobre a necesidade de darlle solución á perigosidade da autovía A-55. Esta solución, se se quere que sexa inmediata, pasa pola liberalización da peaxe do tramo O Porriño-Puxeiros da autopista AP-9. A alternativa que require a ampliación da A-52 ata Vigo coa execución dun túnel, precisa que o trazado proposto sexa analizado con todos os concellos afectados, minimizando no posible o impacto que vai ter sobre o territorio e sobre os seus habitantes”, defendeu Luisa Sánchez.
A sesión comezou coa aprobación dos expedientes de contratación do servizo de limpeza e vixilancia para os centros e sedes da Deputación. O primeiro está dividido en cinco lotes e supón un investimento total de 6,5 millóns de euros para as dúas vindeiras anualidades. Mentres que o segundo ten un custo de 2,1 millóns de euros por un período de dous anos. Do mesmo xeito, tamén houbo acordo para aprobar unha modificación das bases do Plan de Obras e Servizos da Deputación, o +Provincia do ano 2025, por un erro na transcrición da base sexta que non afecta ao reparto de fondos entre os concellos. E, por unanimidade, aprobouse tamén a actualización do catálogo da rede de estradas provinciais, que conta cunha extensión total de 1.652 quilómetros; e a adhesión da Deputación ao convenio de colaboración coa Xunta a FEGAMP e o resto de deputacións galegas para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais durante o período 2025 e 2027.
O pleno aprobou, cos votos favorables de populares e nacionalistas e a abstención de socialistas, o estudo de ordenación e delimitación de treitos urbanos en solos de núcleos rurais nas marxes das estradas provinciais. Trátase dunha ferramenta que mellora e simplifica os trámites administrativos para axilizar a concesión de licenzas e autorizacións urbanísticas nas parcelas que lindan con estas entradas e que mellorará as relacións entre a cidadanía e as administracións públicas. Así mesmo, o voto favorables dos deputados do grupo popular e do grupo socialista, malia abstención do BNG, serviu para aprobar a axenda urbana da área funcional do Val Miñor.
Pola contra, foron rexeitadas as mocións presentadas polo PSOE, para esixir á xunta a adquisición do pazo de Montesacro de Cambados para destinalo a uso social; e a do BNG, para rexeitar os proxectos de instalación dos parques eólicos mariños de Pinzón e Roleira.

