
Un amplo acordo da Corporación pide garantías na aplicación das cláusulas de protección e controis en fronteiras; o reforzo das políticas de sanidade animal para previr a dermatose nodular contaxiosa; o rexeitamento do recorte do 22 % da PAC e a redución da burocracia na petición de axudas comunitarias
Tamén pídese o cumprimento da cadea alimentaria; a limpeza de cursos fluviais na provincia para prever danos nas explotacións agrogandeiras e, entre outras medidas, unha campaña institucional de promoción e sensibilización para o consumo de produtos de quilómetro cero
Na sesión de hoxe aprobouse ademais un convenio entre a Deputación e o Ministerio para a Transición Ecolóxica para o desenvolvemento e consolidación do Centro de Innovación Tecnolóxica en Ourense, un espazo estratéxico para reactivar territorios rurais que xa funciona noutras provincias españolas
O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe unha iniciativa pola que traslada o seu apoio institucional aos agricultores e gandeiros ourensáns, así como o seu compromiso na adopción dun conxunto de medidas que procuran a defensa do sector primario na provincia. Unha sesión, correspondente ao mes de xaneiro, que principiou cun minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Adamuz.
O acordo plenario inclúe unha petición dirixida aos eurodeputados españois para que non apoien a aprobación provisional nin a entrada en vigor do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur ata que se garanta que as cláusulas de protección sexan automáticas, se reforcen os controis nas fronteiras e se reduzan as actuais esixencias impostas a agricultores e gandeiros.
Tamén pídese que a Xunta de Galicia reforce as políticas de sanidade animal ante o risco de expansión de enfermidades como a dermatose nodular contaxiosa (prevención, control da fauna salvaxe e medidas adicionais por parte de Medio Rural). Engádese a actualización das táboas de compensación por perdas a prezos actuais e, por outra parte, que se manteñan en bo estado os camiños nas áreas nas que se realizaron concentracións parcelarias.
Así mesmo, con respecto á prevención da dermatose nodular contaxiosa trasládase a petición ás administracións competentes a vacinación gratuíta e inminente.
Por outra banda, solicítase á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a cumprir coas súas obrigas de limpeza, conservación e mantemento dos ríos, regatos e cursos fluviais da provincia de Ourense, para prever danos nas explotacións gandeiras.
A reforma da Política Agraria Común (PAC) figura tamén entre as peticións aprobadas polo Pleno. Póñese énfase na redución da burocracia na tramitación das axudas do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC), simplificando os procesos administrativos e unificando criterios entre consellerías, co fin de que as axudas cheguen de maneira efectiva ás explotacións familiares. Rexéitase de forma clara e rotunda a proposta da presidencia da Comisión Europea de recortar nun 22 % os fondos da PAC para o período 2028-2034, que deberían incluír unha mellora do financiamento para Galicia.
A Corporación tamén pide o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, garantindo que ningún produtor venda por debaixo dos custos de produción, ademais de solicitar medidas de apoio ao rural para a fixación de poboación, mellora dos servizos e sustentabilidade das explotacións.
A posta en marcha dunha campaña institucional de promoción e sensibilización para o consumo de produtos de quilómetro cero, xunto coa petición á Xunta de Galicia para deseñar un sistema de compra pública prioritaria de alimentos producidos na provincia de Ourense, para os servizos públicos, son outras das medidas aprobadas polo Pleno.
O acordo reflicte tamén os compromisos xa asumidos pola Deputación para axudar ao sector primario, como a posta en marcha dun servizo de recollida de plásticos gandeiros e agrícolas para a súa correcta xestión ambiental; a creación dun plan piloto de recría de femias en extensivo, co fin de axudar ao relevo das cabanas gandeiras, e finalmente o impulso do silvopastoreo na provincia como medida para a prevención de incendios forestais.
Centro de Innovación Tecnolóxica
A orde do día desta sesión incluíu a aprobación dun convenio entre a Deputación e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, co fin de crear en Ourense un Centro de Innovación Tecnolóxica (CIT), un espazo estratéxico para reactivar territorios rurais que xa funciona noutras provincias españolas.
Este CIT, que se integrará nunha rede de centros interconectados de toda España, permitirá traballar en conxunto para facilitar o desenvolvemento de proxectos innovadores no rural e iniciativas de emprendemento e loita contra o despoboamento.
Os Centros de Innovación Territorial (CIT) configúranse como espazos estratéxicos de ámbito provincial e multiprovincial. concibidos como ecosistemas de colaboración nos que desenvolver iniciativas innovadoras que contribúan a reactivar os territorios rurais en vías de despoboamento.
Soterramento da avenida Otero Pedrayo
Outra iniciativa aprobada hoxe refírese á recuperación e impulso do proxecto de soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo e a integración do Campus Universitario, ratificando o compromiso adquirido por esta institución no 2023 para apoiar este proxecto.
Ínstase a que o Concello de Ourense leve a cabo os estudos técnicos e de viabilidade necesarios, creando unha comisión de traballo con representantes da administración provincial, local, autonómica e da Universidade que estableza un calendario de actuacións garantindo transparencia e seguimento do proceso.
Organización
Na sesión deuse conta tamén da renuncia ao escano dos deputados provinciais Gonzalo Pérez Jácome de Democracia Ourensana e de Susana Rodríguez Estévez e Marina Vaz Quintillán do Partido Socialista.
Así mesmo, modificouse a composición das comisións informativas permanentes para este mandato, adaptada á nova composición dos grupos políticos provinciais. Deste modo, cada comisión queda integrada por 14 deputados: 6 do PP, 3 do PSOE, 2 do BNG, 2 de DO e 1 non adscrito.


