• Os populares presentarán unha pregunta por Rexistro no Concello: “por que o Concello de Pontevedra non solicitou en tempo e forma a concesión destas axudas, como si fixera nas convocatorias de 2021-2023 e de 2023-2025?”
• Silvia Junco: “A inclusión merece dilixencia, esforzo, competencia e non máis premios ‘Corazón de Pedra’ por estar á cola das urbes españolas en gasto social”
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco criticou a “profunda desidia, falta de previsión e incompetencia do Goberno local do BNG” tras quedarse fóra da repartición de subvencións autonómicas e europeas destinadas a programas de inclusión social para o período 2025-2027.
Recentemente, a Xunta de Galicia publicou a relación de municipios galegos beneficiarios destes fondos económicos – procedentes en boa parte da Unión Europea –, e Pontevedra non figura nesa listaxe. “Pontevedra é a única cidade galega, xunto a Ourense, que queda sen un só euro para esta liña de axudas que permite financiar iniciativas de apoio á inclusión social ou laboral, servizos de inmediación social e intercultural, e accións de educación e apoio familiar dirixidas ás familias en situación ou en risco de exclusión social”.
A edil popular ha lamentado que o Concello perda outros 200.000 euros aproximadamente, cos que se beneficiaron os colectivos máis vulnerables da cidade. “A neglixencia do Goberno de Lores para presentar a solicitude requirida en tempo e forma supoñerá un custo engadido para todos os pontevedreses, que terán que asumir con recursos propios das arcas municipais un gasto que debería estar financiado con fondos económicos externos, como ocorre en numerosos municipios galegos e como sucedía co Concello de Pontevedra ata a convocatoria deste exercicio”, matizou.
O Concello recibira 232.000 euros na convocatoria 2021-2023 e 180.000 euros na seguinte 2023-2025. Por iso, #ante o intento do Goberno do BNG por relativizar a perda dunha suma importante de diñeiro alegando “cuestións administrativas internas”, tal e como recolle o Diario de Pontevedra, o PP local ha lanzado unha pregunta aos dirixentes nacionalistas da cidade: que fixo mal o Concello esta vez para deixar á cidade fóra desta convocatoria de axudas á inclusión?”
Os populares esixiron explicacións públicas, responsabilidades políticas e un cambio urxente na forma de xestionar a administración máis próxima ao cidadán. “Pontevedra non pode continuar cun Goberno municipal que perde fondos externos continuamente e que traslada o custo aos seus cidadáns. A inclusión merece dilixencia, esforzo, competencia e non máis premios ‘Corazón de Pedra’ por estar á cola das urbes españolas en gasto social”, concluíu Junco.



