O PP expón aos empresarios a súa intención de frear os plans de Lores para aplicar o ‘tasazo’

adminON
Lectura mínima de 4

• Os populares expoñen a AEMPE, APE, Cámara de Comercio de Pontevedra e Foro Empresa de Pontevedra as consecuencias da aplicación da nova ordenanza fiscal

• Domínguez aposta por “aliviar a carga fiscal que pagan os pontevedreses e esixir que non suba o recibo do lixo, como pretende Lores”

O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a edil e secretaria xeral da formación local, Pepa Pardo, convocaron ás asociacións empresariais da cidade a unha reunión para informarlles dos pasos que vai dar o PP local para tentar que o Concello non solicite os datos económicos das empresas da Boa Vila para aplicarlles o ‘tasazo’ de Pedro Sánchez no recibo do lixo, en función da súa facturación.

Os populares expuxeron a Vicente Domínguez (AEMPE); José Ramón Caldas e Lucía Pedroso (APE); Arturo Ramírez, José Manuel Valenzuela e Iago Martínez (Foro Empresa Pontevedra); e Eduardo Barros (Cámara de Comercio de Pontevedra) as consecuencias que terá a aplicación da nova ordenanza fiscal, nos termos que está exposta no documento municipal sobre os principios básicos.

O líder do PP rexistrou unha moción para derrogar a implantación obrigatoria da taxa de residuos e manifestar “o noso profundo rexeitamento á obrigación de establecer o ‘tasazo’, tendo que repercutir o custo íntegro da recollida, xestión e tratamento de residuos aos cidadáns para partir do 10 de abril de 2025” porque supón “un novo ataque ao peto dos pontevedreses, que terán que pagar os custos íntegros da xestión do lixo, ao impedir que as administracións locais apoien aos contribuíntes asumindo parte do importe”.

Neste contexto, incidiu en que “lonxe de incentivar o cumprimento dos obxectivos da economía circular, a nova taxa imposta polo Goberno de Sánchez e que Lores quere implantar en Pontevedra, supón un agravio económico para os cidadáns e as empresas, ademais dun menoscabo para o fortalecemento da corresponsabilidade cidadá na consecución do obxectivo común de reducir e dar unha segunda vida aos residuos, en lugar de fomentar un maior compromiso a través de incentivos e investimentos”.

Na proposta de acordo dos populares tamén se recolle que, no caso de que o Goberno central non acceda a derrogar a implantación obrigatoria da taxa de residuos, chéguese a un acordo para que “o Concello non solicite os datos económicos dos negocios e actividades lucrativas” da cidade.

En terceiro lugar, o PP demanda a realización de “un estudo do impacto pormenorizado que permita definir o custo do servizo” para que respondan á pregunta que se fai a cidadanía: canto van ter que pagar polo ‘tasazo’?

Domínguez comunicou aos empresarios que “o PP local está en contra de que o Concello de Pontevedra súballes o recibo do lixo” e avanzoulles a súa intención de “aliviar a carga fiscal aos pontevedreses, que actualmente é moi elevada”.

O xefe da oposición lamentou o voto en contra do BNG e do PSOE no debate da súa proposición na comisión de Movilidad, Infraestruturas, Obras e Servizos.

Comparte este artigo