• Silvia Junco: “A realidade é insostible porque o goberno local do BNG non cobre as baixas e o persoal que queda está completamente desbordado pola sobrecarga de traballo”
• O PP de Pontevedra reprocha que dos 28,5M€ da modificación de crédito aprobada polo BNG e o PSOE, non se destine “nin un só euro a reforzar os servizos sociais municipais e apenas un 1% diríxese a entidades sociais”
O Partido Popular de Pontevedra reclamou ao goberno local do BNG menos xestos simbólicos e máis medidas concretas en defensa das persoas máis vulnerables. Para pasar das palabras aos feitos, a concelleira Silvia Junco solicitou a incorporación inmediata de persoal do Concello nas áreas de Benestar Social e Igualdade, actualmente nunha situación “crítica” debido á baixa de ambos os responsables e a ausencia de substitucións.
“A realidade é insostible porque o Concello de Pontevedra non cobre as baixas e o persoal que queda está completamente desbordado”, lamentou a edil do PP tras alertar de que a sobrecarga de traballo dos profesionais está a afectar á calidade do servizo que se presta aos cidadáns.
Junco criticou que, na modificación de crédito aprobada o luns polo BNG e o PSOE por valor de 28,5 millóns de euros, non se destinou “nin un só euro a reforzar os servizos sociais municipais e apenas un 1% diríxese a entidades sociais que, co seu esforzo titánico, sosteñen prestacións que o Concello non cobre. A falta de investimento neste ámbito é irresponsable e inxustificable”.
O PP de Pontevedra considera urxente e prioritario dotar á área de Benestar Social dos medios humanos e económicos necesarios para facer fronte aos desafíos sociais da cidade. “Unha capital de provincia non pode permitirse un goberno local que ignora e esconde os problemas reais dos pontevedreses”, denunciou.
A edil popular ha lembrado que o PP leva dous anos alertando dos problemas de convivencia en puntos visibles do centro urbano como a Praza de Galicia ou a Ferrería, moitos deles vinculados á grave situación das persoas sen fogar. “O BNG trata de obviar as súas responsabilidades, pero esta situación está directamente relacionada co escaso investimento municipal en políticas sociais: o Concello ignora un servizo esencial e pretende xustificar os conflitos apelando á complexidade das solucións”, explicou.
Junco engadiu que “estamos #ante un problema que lonxe de mellorar, se cronifica, afectando tanto a quen vive na rúa como ao resto de veciños” e comprometeuse a que “en 2027 teremos un alcalde que escoite, actúe e priorice a quen máis o necesitan. Non un que se limita a tachar de alarmismo calquera denuncia da oposición, mentres as carencias multiplícanse á vista de todos”.