Cunha dotación de 60.000 euros, esta iniciativa incluíu ata 18 disciplinas para promover o deporte familiar
A gran implicación da comunidade e a ampla franxa xeográfica que cubriron as actividades destacan entre as conclusións do balance do programa
O programa de fomento deportivo da Deputación de Ourense levou a 45 concellos actividades para impulsar un estilo de vida máis saudable. Un total de 2.400 persoas participaron nesta iniciativa, unhas cifras que reflicten a notable implicación da comunidade e a ampla franxa xeográfica que cubriu o programa. Un dos obxectivos principais acadados foi o deporte en familia, xa que as actividades están dirixidas a toda a poboación.
Esta iniciativa levouse a cabo en colaboración con federacións, clubs e asociación deportivas da provincia de Ourense.
Un dos grandes retos foi chegar co deportes a todos os concellos da provincia, nos que os participantes entendesen a infinidade de beneficios e valores que ten o deporte. Ademais, as actividades permitiron promover un acceso equitativo ao deporte, en moitas localidades, especialmente naquelas con menor poboación, dándolles a oportunidade de participar en actividades que, doutro xeito, serían limitadas.
O programa de fomento do deporte tamén se fixou o obxectivo de divulgar un estilo de vida activo, axudando a paliar problemas de saúde coma a obesidade, enfermidades cardiovasculares e problemas de saúde mental.
As actividades realizáronse entre os meses de abril e outubro, cun orzamento de 60.000 euros.
Diversidade de disciplinas
Nesta primeira edición os deportes practicados foron 18, tanto para público infantil como adulto. As modalidades foron tenis de mesa, hóckey, balonmán, patinaxe tanto en liña como artístico, baloncesto, deportes náuticos (piragüismo, vela, remo, padel-surf) volei, bádminton, tenis, zumba, atletismo, escalada, salvamento acuático, pickleball e xadrez.
Tralo éxito desta primeira edición do programa de fomento deportivo, dende a área de Deportes da Deputación de Ourense xa traballan na próxima edición, coa que buscarán novas disciplinas e fortalecer a rede de contactos con clubs e asociacións da provincia.