O Termalismo Social da Deputación de Ourense será o primeiro programa destas características en ter un asistente virtual de información a través de Alexa de Amazon.
Desde o vindeiro sábado 15 de febreiro, estará dispoñible en modo de proba para o seu perfeccionamento gradual e será unha ferramentas dixital central da “Oficina Termal AVE”
O Termalismo Social da Deputación de Ourense arrincaba o pasado martes 28 de xaneiro o prazo de solicitudes do seu programa 2025, superando todas as expectativas ao superar as 1.000 prazas solicitudes nas primeiras 48 horas.
Transcorrida unha semana desde ese inicio, a Área de Benestar da Deputación de Ourense habilitará unha nova nova vía dixital de promoción: un asistente virtual de información sobre o programa a través de Alexa de Amazon. Esta ferramenta será, ademais, un dos elementos centrais da próxima Oficina Termal AVE, un punto dixital de información sobre os balnearios da provincia e sobre o programa de termalismo provincial que abrirá na estación de tren este mes de febreiro.
Alexa, o asistente virtual controlado por voz
Alexa é o asistente virtual controlado por voz creado por Amazon co que se pode interactuar a través de altofalantes intelixentes conectados a Internet ou tamén usando unha aplicación. A través dunha app e do teléfono móbil, todo o mundo pode acceder a Alexa de maneira gratuíta e desde calquera localización.
O funcionamento de Alexa comeza invocándoa, -dicindo o seu nome-, momento no que o altofalante ou teléfono móbil no que estea integrado poñerase a escoitar, a continuación debe dicírselle un comando con voz e o asistente recoñecerá o que se lle pregunta e ofrecerá unha resposta.
As funcións de Alexa dependen de dous elementos. Por unha banda están os comandos de voz que integra, e cos que se pode realizar unha gran variedade de peticións, e logo están as “skills”, que son complementos que se lle poden instalar para engadirlles máis funcionalidades.
Precisamente, sobre esta segunda opción, a Deputación de Ourense traballou durante os últimos meses no desenvolvemento dunha “skill” sobre o Programa de Termalismo Social provincial, o que posibilitará que calquera persoa, ben a través duns altofalantes intelixentes, ou a través dun móbil, poida realizar preguntas sobre o termalismo provincial: información sobre os balnearios, sobre as modalidades, sobre os prezos, etc.
Período de proba e vindeira versión en galego
Desde o sábado, 15 de febreiro, Alexa Termal xa funcionará en castelán e en período de proba, estando previsto que no primeiro semestre se engada a versión en galego. Logo da súa posta en marcha en período de proba, a formulación é que o sistema aprenda e se vaia perfeccionado co paso das semanas.
A “skill” parte dunha serie de cuestións que permiten guiar á persoa usuaria sobre as preguntas que pode facerlle ao sistema, en función do uso e da información que reporte Amazon irase corrixindo e perfeccionando o sistema, durante os primeiros meses estará dispoñible só en castelán xa que máis dun 75% das solicitudes de información proveñen de fóra de Galicia. Durante o primeiro semestre de 2025 e unha vez que o sistema teña unha primeira revisión e actualización sobre a súa “aprendizaxe”, habilitarase en idioma galego.