Forza a convocatoria dun Pleno extraordinario despois de que o Goberno provincial deixara as mocións socialistas fóra da sesión ordinaria de xaneiro
Laura Iglesias: “Luis López debe deixar de facer o ridículo: hai pouco convocou un pleno extraordinario e urxente “para defender a España” e agora ten medo de debater as nosas propostas”
O PSdeG-PSOE vén de rexistrar a solicitude dun Pleno extraordinario para debater dúas mocións que o Partido Popular rexeitou, “cunha decisión profundamente antidemocrática”, incluír na orde do día do Pleno ordinario deste mes de xaneiro. A deputada Laura Iglesias afirma que o presidente, Luis López, debe deixar de facer o ridículo, porque ninguén entende que se negue a debater asuntos de competencia provincial cando o pasado 20 de novembro convocou un pleno extraordinario e urxente para debater unha moción do PP “para defender España e a Constitución”. Un pleno partidista e vergoñento, ao que só se presentaron os deputados e deputadas do PP e que durou só 11 minutos.
As mocións do PSOE, centradas nas competencias propias da Deputación e na defensa dos intereses xerais da provincia, ocúpanse dos efectos da marea plástica que afecta ao litoral e sobre o bloqueo da Deputación ao proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 Os Valos-Amoedo, en Pazos de Borbén, que foi metido nun caixón a pesar de que quedou listo para licitar antes do cambio de goberno. O grupo socialista, ao ter máis dun cuarto dos/as deputados/as ten potestade para reclamar plenos extraordinarios “e parece que hai que recordarllo ao PP”.
A deputada socialista Laura Iglesias explica que o PP cambiou a data do pleno ordinario deste mes de xaneiro sen acordalo coa oposición e sen convocar a xunta de voceiros, noutra mostra de autoritarismo. Así, en lugar de celebrarse o último venres do mes, día 26, como marca o Regulamento Orgánico da Deputación, adiouse ao martes 30, por mor da celebración de FITUR. Sen embargo, e a pesar de que PSOE rexistrou as mocións con anterioridade suficiente á celebración das comisións informativas o PP decidiu rexeitalas e deixalas fóra da orde do día. O Regulamento da Deputación fixa os plenos para o último venres do mes e só prevé cambiar as datas en agosto e decembro.
Oferta para incluír as mocións como asuntos urxentes
“O PP considera necesario un pleno urxente para que non rompa España e rexeita debater en tempo e forma sobre as cousas que importan á xente na provincia de Pontevedra”, lamenta a deputada, quen adianta a oferta de retirar a solicitude do Pleno extraordinario se o PP entra en razón e acepta debater estas dúas mocións no Pleno ordinario deste mes de xaneiro incluíndoas como asuntos urxentes, toda vez que xa se negaron a ditaminalas nas comisións informativas da pasada semana.
Laura Iglesias ten claro que o PP non quere debater as mocións porque reclámase que a Deputación axude aos concellos afectados polo vertido de pellets de plástico coa convocatoria dun plan específico de axudas. E tamén se reclama que a Xunta de Galicia avalíe semanalmente os niveis do Plan de Contaminación (Camgal) e estreite a colaboración con tódalas Administracións. A deputada recalca que, unha vez máis, a Deputación púxose de perfil e deixou sos aos concellos, obrigados a asumir gastos que non lles corresponden. Xa en novembro pasado, a Deputación rexeitou outra moción socialista para habilitar axudas polas choivas extraordinarias do pasado outono.
A segunda moción reclama a licitación inmediata da obra, dun millón de euros, para mellorar a seguridade viaria no primeiro tramo da estrada de Os Valos-Amoedo, en Pazos de Borbén, que quedou paralizada tralo cambio de goberno na Deputación nunha clara decisión partidista unha vez que os populares perderon a Alcaldía nas últimas Eleccións Municipais. A obra é unha demanda histórica nunha estrada perigosa, cunha alta intensidade de circulación de vehículos pesados, e debería ter continuidade con outras dúas fases en Nespereira e Amoedo, incluíndo medidas de mobilidade peonil.
Laura Iglesias destaca que a veciñanza de Pazos sofre un dobre castigo, primeiro o do ex-alcalde do PP, que bloqueou esta obra durante tres anos e só aceptou colaborar coa Deputación na expropiación dos terreos afectados nas vésperas das Eleccións Municipais. Agora que tódalas fichas e documentación están entregadas polo Concello é a Deputación do PP a que decidiu continuar co bloqueo.

