O Festival Internacional de Teatro de Ourense ofrecerá unha completa programación entre o 16 e o 26 de outubro con tres estreas absolutas
A Sala Emilia Pardo Pazán do Campus e o Liceo de Ourense tamén acollerán espectáculos do XVIII FITO
Durante os días 16, 18, 19, 23, 24, 25 e 26 de outubro, o XVIII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) eríxese novamente como un baluarte da cultura democrática e unha plataforma dinámica onde converxen múltiples xéneros, experiencias vitais e formas de expresión artística, tecendo pontes de comunicación tanto co seu público fiel, que ano tras ano espera esta cita, como con aqueles que aínda non descubriron o seu atractivo singular. O Teatro Principal, o Liceo de Ourense e o Campus serán os escenarios, onde haberá 3 estreas absolutas: 67 Graos, de Ourense Efervescénica; Cuore de Italia, de Priscila; e Xoguetes Rotos, de Barrosanta.
Así quedou de manifesto na presentación deste certame, onde participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; a directora do FITO e membro de Sarabela, Fina Calleja; o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez-Rajo; o xerente do Liceo, José Luis Troitiña; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
César Fernández agradeceu a Sarabela o seu traballo “como axentes culturais de primeiro nivel”, e ratificou o compromiso da Deputación coa Cultura e coa colaboración institucional, “non só polo valor cultural que enriquece á nosa sociedade, senón polo dinamismo económico que a Cultura lle dá ao noso territorio”. Na mesma liña manifestouse o director da Agadic, Jacobo Sutil, lembrando que “desde a Xunta sentímonos moi cómodos na cooperación coa Deputación”. Tanto o vicerreitor do Campus como o xerente do Liceo, Rodríguez-Rajo e Troitiña, respectivamente, amosaron a súa “satisfacción” por acoller espectáculos do XVIII FITO.
Nestes 18 anos de fértil traxectoria, o FITO “mantén intacta a súa ambición de expansión e influencia”, deseñando unha programación que quere apertar á cidadanía no seu conxunto, tal e como explicou a directora do certame, Fina Calleja. O Teatro Principal convértese así, unha edición máis, “no epicentro da experiencia, un espazo de encontro e diálogo propicio para abordar temas de profunda relevancia social”.