HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO vicepresidente da Deputación inaugura o IV Encontro de Museoloxía do ICOM...

O vicepresidente da Deputación inaugura o IV Encontro de Museoloxía do ICOM no Museo de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

150 profesionais seguen o encontro presencialmente e outros 80 en liña, analizando e debatendo o presente e futuro das salas de reserva e dos sistemas de almacenaxe dos museos

Hoxe arrancou no Museo de Pontevedra o IV Encontro de Museoloxía do ICOM-España, a cita máis relevante para profesionais do sector a nivel estatal, que por primeira vez se celebra en Galicia. Unhas 150 persoas chegadas de toda España e doutros países como Portugal, Francia, Suíza e Alemaña participan presencialmente no encontro, ademais doutras 80 persoas inscritas para seguilo en liña.  

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou o encontro, agradecendo a súa presenza a todas as persoas asistentes e ao ICOM España por escoller Pontevedra e o seu museo para acoller a cuarta edición do seu encontro trienal. Domínguez destacou a importancia do Museo de Pontevedra a nivel estatal e o compromiso da Deputación coa súa proxección: “a próxima incorporación dos edificios centrais e do convento de Santa Clara conformarán un complexo de sete edificios culturais separados por apenas 500 metros no centro da cidade, que será, sen dúbida, un referente cultural e arquitectónico no noso país”.  Nun evento centrado no futuro dos espazos de almacenaxe dos museos, o vicepresidente salientou que “dados os problemas de espazo que teñen todos os museos, reservamos xa unha parcela e iniciaremos en breve un proxecto para a creación dun centro robótico de almacenaxe, que palíe os problemas cos fondos que ten o noso museo”.

Pola súa parte, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, puxo o acento na importancia de encontros como este: “a reorganización de coleccións non é só unha tarefa loxística, senón un acto consciente de diálogo co pasado, de reinterpretación constante e de apertura cara ao futuro. Convídanos a repensar como coidar, documentar e poñer en valor aquilo que resgardamos, para que as nosas institucións sigan sendo faros de coñecemento e transformación social, pois o traballo que realizamos nos almacéns impacta directamente na misión dos museos como institucións culturais e educativas”.

O IV Encontro de Museoloxía ICOM-España, inclúe hoxe e mañá conferencias e mesas de debate para tratar o tema “Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social”. O estado actual e os desafíos a futuro das coleccións almacenadas e os espazos que as albergan trátase desde unha dobre perspectiva. Por unha banda, a través do estudo e presentación de novos modelos das reservas dos museos, e por outro, a través da redefinición das mesmas, ao amparo de criterios de sostibilidade ambiental e social, que as doten de novos usos e de novos modos de relación entre as institucións museísticas.

O programa do evento conta coa participación de expertos internacionais como Gaël de Cuinchen, membro do grupo de traballo de coleccións almacenadas de ICOM, Víctor Cageao, director das Coleccións Reais, Roman Aebersold, do Museo Nacional Suízo, Juliette Raoul Duval, vicepresidenta de ICOM Europa e Hélène Vassal, directora de coleccións do Museo do Louvre, entre outras figuras de relevancia no ámbito da museoloxía. Tamén participarán directores e directoras dalgúns dos principais museos galegos, como CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo Arqueolóxico de Ourense ou Museo de Belas Artes da Coruña, ademais da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.

O programa inclúe unha visita guiada ao Museo de Pontevedra e a actuación da Coral Polifónica de Pontevedra, que interpretará para os profesionais asistentes os temas “En Ávila mis ojos” (anónimo do s. XV), “Niño Dios d’amor ferido” de Francisco Guerrero e “Si vas a San Benitiño” de Antonio Blanco Porto. O encontro remata o sábado con visitas culturais a varios museos en Santiago de Compostela: CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo da Catedral e Museo do Pobo Galego.

A información completa do encontro atópase en https://www.icom-ce.org/iv-encuentro-de-museologia-icom-espana/.

Publicacións Relacionadas