A mostra que reivindica ao escritor pontevedrés no centenario do seu nacemento pode visitarse ata o 18 de xaneiro no claustro do Edificio Sarmiento
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou este venres ás 19 h no Museo de Pontevedra a exposición ‘ José Ruibal. Un escritor de centenario’. A mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña, percorre a vida e a obra do pontevedrés, que no último terzo do século XX acadou unha gran proxección internacional, como un dos máis importantes renovadores do teatro. A mostra pode visitarse no claustro do Edificio Sarmiento ata o 18 de xaneiro de 2026.
O vicepresidente da Deputación destacou na súa intervención a importancia de que o Museo poña o foco en José Ruibal (Xeve-Pontevedra, 1925 – Cuenca, 1999), do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento: “é de xustiza recoñecer a un dos escritores de maior calado a nivel mundial que deu Pontevedra e que non debe caer no esquecemento”. Domínguez animou a todos os pontevedreses “a achegarse ao Museo de Pontevedra e deterse nas fotografías, recortes de prensa, obras artísticas e demais documentos que nos permiten comprender mellor a vida de Ruibal e a transcendencia da súa obra”.
Na inauguración da exposición interviñeron tamén o comisario, Xosé Enrique Acuña, e os fillos do escritor, Ana e Federico Ruibal Vázquez de Parga. A directora do Museo, Ángeles Tilve, amosou a súa satisfacción porque o Museo poida contribuír a darlle a José Ruibal a relevancia que merece e engadiu que o ano próximo a institución que dirixe dedicará outra mostra á súa irmá, Mercedes Ruibal, da que en 2026 se acadan os 100 anos do seu nacemento, cunha exposición dedicada a ela e ao seu marido, o tamén pintor Agustín Pérez Bellas.
En “José Ruibal. Un escritor de centenario”, o comisario Xosé Enrique Acuña reúne numerosos documentos orixinais que axudan a reconstruír tanto a súa traxectoria vital coma o conxunto da obra literaria que realizou en castelán e en galego. A mostra articúlase por medio dun percorrido visual composto con numerosas fotografías de diversos aspectos da súa vida ás que se suman carteis das súas obras teatrais, documentación familiar e imaxes das estreas que protagonizou por diferentes países.
Tamén se presenta unha selección da súa correspondencia con outras grandes figuras da literatura e da crítica, coma Buero Vallejo, Rafael Lapesa, Lázaro Carreter, Gabriel Celaya e Alonso Zamora Vicente, e documentos inéditos da súa relación de amizade con grandes actrices coma Nuria Espert e María Casares, co que se conforma unha aproximación ao gran número de intelectuais que José Ruibal tratou ao longo da súa vida.
No discurso expositivo ábrense espazos para lembrar episodios relativos ao seu activismo político antifranquista e a momentos que, xa tras a chegada da democracia, compartiu con literatos coma José Agustín Goytisolo, Alfonso Grosso e Caballero Bonald e, en Galicia, con Cuña Novás, Méndez Ferrín, Novoneyra e Bernardino Graña. Especial incidencia na exposición do Museo de Pontevedra ten o seu paso polos Estados Unidos, onde Ruibal foi traducido e mais estreado, e onde mesmo se asentaría durante varios anos. Desta etapa móstranse diversos documentos gráficos que acreditan a importancia que acadou a súa obra teatral nos circuítos universitarios aos que foi convidado e mais tamén da relevancia do seu paso polo Actor’s Studio, mítica academia de Nova York onde coincidiu con Frank Corsaro e Norman Mailer.
A súa intensa relación con grandes figuras coma Laxeiro, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo e Rafael Alberti teñen un lugar propio na exposición mediante obras artísticas. Tamén os seus primeiros pasos como poeta e xornalista en Pontevedra ao lado dos seus compañeiros da Colección Benito Soto, encabezada polo seu amigo Sabino Torres, que lle publica en 1950 El dios de los precipicios, o seu primeiro libro de poesía, con ilustración do pintor Rafael Alonso.
Forman tamén parte da mostra unha serie de orixinais literarios que van desde os de La máquina de pedir e El hombre y la mosca, as súas obras de maior sona, ao mecanoescrito orixinal do texto no que se recollen os seus días como preso político no cárcere de Vigo en 1962 e obras de arte que pertenceran á súa colección pictórica persoal, materiais que se completan con sinalados exemplos da recepción crítica que a súa obra recibiu por parte de recoñecidos hispanistas e unha selección das revistas estranxeiras onde se publicaran e traduciron as súas pezas dramáticas. En clave audiovisual, recupérase unha ampla entrevista televisiva realizada en 1990 na que Ruibal, malia os anos pasados fóra de Galicia, se expresa no seu galego materno.
Máis información en https://museo.depo.gal/web/museo/-/jose-ruibal-un-escritor-de-centenario



