O sábado, 25 de xaneiro, as persoas que accedan ao Auditorio deberán facelo polas escaleiras de Alexandre Bóveda e de Rafael Areses, e os que queiran seguir en directo a alfombra vermella deberán facelo dende a rampla de acceso á explanada do Pazo. Por motivos de seguridade, non se poderán cruzar estes dous tráficos peonís.
A celebración da gala dos premios Feroz, que se celebrará no Recinto Feiral o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, obriga a adoptar medidas de mobilidade en todo o ámbito para garantir a seguridade durante os traballos de montaxe e a mobilidade das persoas.
A primeira medida que se adopta é o peche do estacionamento do Recinto Feiral, na rúa Alexandre Bóveda, dende o xoves 23 de xaneiro, ás 23.00 horas. E o venres, 24 de xaneiro, a partir das 23.00 horas pecharase a explanada da do Pazo da Cultura.
Ademais, o propio día da gala, o sábado, 25 de xaneiro, pecharase a rúa Rafael Areses para a celebración do Mercadiño ambulante que respectará a súa montaxe como cada sábado, pero a rúa manterase pechada o resto da xornada.
Mobilidade peonil
Ao respecto da mobilidade peonil, o sábado, 25 de xaneiro, todas as persoas que se acheguen ao Pazo da Cultura (Auditorio e Salón de actos) para seguir a retransmisión da gala, deberán acceder polas escaleiras da rúa Alexandre Bóveda ou ben polas escaleiras da rúa Rafael Areses. O acceso peonil pola explanada do Pazo estará pechada.
O sábado, 25 de xaneiro, ao respecto das persoas que queiran acceder á alfombra vermella de 40 metros de largo que se instalará na explanada do Recinto Feiral, deberán acceder pola rampla da explanada situada no entronque das rúas Rafael Areses e avenida de Compostela. Nesta rampla, os tráficos peonís e os a motor estarán segregados por motivos de seguridade.
Os tráficos peonís do Pazo (Auditorio e Salón) e da alfombra vermella nunca se cruzarán por motivos de seguridade xa que á explanada achegaranse as “estrelas” en vehículo oficial patrocinador do evento. Isto supón que, se unha persoa que está no Auditorio quere achegarse á alfombra vermella, terá que acceder pola rampla da explanada baixando previamente polas escaleiras de Alexandre Bóveda ou Rafael Areses, e á
inversa, unha persoa da alfombra vermella quere achegarse até ao Auditorio terá que baixar pola explanada e acceder por algunha das escaleiras anteriormente mencionadas.
As persoas con mobilidade reducida poderán acceder polo interior do Pazo da Cultura.
Entradas para a retransmisión da gala dende o Pazo da Cultura
Neste momento, as entradas de balde postas a disposición da veciñanza para seguir a retransmisión en directo dende o Pazo da Cultura están todas esgotadas. Foron unhas 1.000 prazas entre o Auditorio e o Salón de actos.
A apertura de portas está prevista unha hora antes do inicio da alfombra vermella, é dicir, ás 17.30 horas. Un cuarto de hora antes do inicio da gala, todas as vacantes poranse a disposición das persoas que non dispoñan de entrada e queiran seguir a gala dende o Pazo da Cultura.