“Os pratos rotos das liortas da exconcelleira Áurea Soto e o exalcalde Manuel Cabezas, págaas o Concello de Ourense: 54.415 €”, manifestou esta mañá o alcalde de Ourense. Gonzalo Pérez Jácome, en relación á reclamación de indemnización de gastos xudiciais presentada polo exalcalde do PP a causa do procedemento instruído trala denuncia presentada en 2014 pola exconcelleira do PSdeG-PSOE.
Explica Pérez Jácome que a lei garante que, en casos coma este, os concellos paguen os gastos de defensas xudiciais cando os acusados non son condenados, como no caso de Manuel Cabezas, que foi absolto. Así, os técnicos do Concello dan por boas as reclamacións do exalcalde.
Un decreto da Alcaldía asinado esta semana recolle que, á vista do informe emitido polo Servizo de Recursos Humanos e da dilixencia de intervención que forman parte do expediente, se estima a reclamación de indemnización por gastos derivados do procedemento abreviado 3764/2014 presentada polo exrexedor e dispón autorizar e dispoñer o gasto, e recoñecer e liquidar a obriga, por un importe de 54.415 euros.
O procedemento xudicial ten a súa orixe nunha denuncia presentada pola exconcelleira de Urbanismo do PSdeG-PSOE, Áurea Soto, en setembro de 2014, que acusaba o exalcalde e o exconcelleiro de Urbanismo, Ricardo Campo, do PP, da presunta comisión de delitos de prevaricación e malversación. O exalcalde e o exconcelleiro foron absoltos por sentenzas ditadas pola Audiencia Provincial no mes de xaneiro de 2022 e polo Tribunal Supremo en maio de 2024.