Tralas intensas xeadas caídas esta madrugada en toda a provincia, os equipos do Servizo de Viabilidade Invernal da Deputación de Ourense estiveron a esparexer sal dende primeira hora da mañá nas estradas provinciais que atravesan os concellos máis afectados polas adversas condicións meteorolóxicas.
Co fin de garantir a seguridade das vías provinciais e como labor de prevención, durante a tarde-noite do día de hoxe os equipos da Deputación continuarán traballando na zona norte da provincia, en concreto nos municipios de Nogueira de Ramuín, Montederramo, Castro Caldelas, Chandreixa de Queixa, así como todos aqueles puntos nos que se precise.
Para máis información sobre o estado das estradas provinciais, onde os equipos da Viabilidade Invernal continuarán traballando de xeito preventivo, a Deputación de Ourense pon a disposición pública o seguinte enlace: https://flotas.depourense.es/public/map