Na última xornada deste proxecto, que tivo lugar este sábado 25 de outubro, déronse a coñecer os proxectos dos equipos gañadores que traballaron na creación de solucións innovadoras para o desenvolvemento dun turismo sustentable, inclusivo e accesible na provincia
Así mesmo, o deputado de Innovación, Jorge Pumar, dixo que a Deputación continuará a traballar na implantación das mellores ideas para consolidar a provincia como un destino turístico máis diverso, accesible e respectuoso co medio
O Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente, celebrado este sábado, 25 de outubro, no marco do proxecto europeo POST (Polycentric Sustainable Tourism), vén de ser todo un éxito logo de reunir a equipos multidisciplinares que traballaron intensamente na creación de solucións innovadoras para o desenvolvemento dun modelo de turismo sustentable, inclusivo e accesible na provincia de Ourense.
A Deputación de Ourense continuará a traballar na implantación das mellores ideas xurdidas no evento, co obxectivo de consolidar a provincia como un destino turístico máis diverso, accesible e respectuoso co medio ambiente, apostando por un modelo de turismo intelixente e responsable, afirmou o deputado de Innovación, Jorge Pumar.
O evento, centrado en abordar retos concretos da innovación turística, estruturouse ao redor de cinco grandes temáticas clave para a transformación do sector: rutas intelixentes, gamificación cultural e rural, mobilidade verde e accesible, resiliencia fronte ao cambio climático e recuperación da paisaxe, e pasaportes territoriais e recompensas.
Os equipos participaron nun proceso de innovación aberta, empregando metodoloxías áxiles como Design Thinking para desenvolver solucións de forma colaborativa e rápida. Durante as semanas previas, os participantes tiveron a oportunidade de traballar na fase virtual, onde a través de ferramentas dixitais colaborativas como Miro, definiron, validaron e prototiparon as súas ideas coa orientación de mentores expertos en cada área.
Os proxectos gañadores do Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixentes son:
1. Equipo “Pegadas con eco” polo proxecto “Rutas intelixentes e multiexperiencia”.
2. Equipo “Rebrota” polo proxecto “Resiliencia fronte ao cambio climático e a recuperación da paisaxe”.
3. Equipo “Ourense Explora” polo proxecto “Pasaportes territoriais e recompensas”.
Os equipos traballaron na creación de prototipos funcionais durante a xornada presencial, empregando técnicas de prototipado rápido e validación de hipóteses mediante feedback continuo dos mentores e expertos.
O evento culminou cunha sesión de pitching ante un xurado composto por representantes do sector turístico, mentores e autoridades institucionais, quen avaliaron as propostas en base a criterios de innovación, viabilidade técnica e aliñación cos obxectivos do turismo policéntrico, especialmente no que respecta á sustentabilidade e á adaptabilidade a outras rexións.



