A través do Inorde e froito da cooperación público-privada, corenta profesionais da comercialización turística en España coñeceron a oferta termal, enoturística patrimonial e gastronómica da provincia, así como un tramo da Vía da Prata
Profesionais das axencias de viaxes de diferentes comunidades españolas reuníronse esta fin de semana en Ourense, co apoio da Deputación e a través do Inorde, nun encontro que ademais de reunións incluíu a visita a distintos puntos da provincia.
Corenta profesionais do Grupo Next Level Travel, que conta cunha traxectoria longa no mercado, déronse cita no balneario de Laias, procedentes de Madrid, Valencia, Murcia, Andalucía, Castela e León e Castela A Mancha, ademais de Galicia.
Dentro da axenda de traballo celebrouse un encontro de traballo con empresas locais adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística a provincia de Ourense, para que coñeceran os seus servizos.
Ademais das reunións, os profesionais coñeceron a oferta termal, enoturística patrimonial e gastronómica do territorio, así como o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, percorrendo un tramo e chagándose ata o mosteiro de Oseira.
Entre os participantes atópanse operadores turísticos dedicados á creación de produtos tales como o deportivo, golf, termalismo, enogastronomía e experiencias.
A convención é froito da cooperación público-privada, onde ademais da Deputación tamén colaborou a Xunta de Galicia e importantes grupos do sector turístico en España.