“Trátase dun proxecto con visión de futuro, que consolida o Centro Príncipe Felipe como símbolo da política social e educativa da Deputación e que supón unha aposta firme, clara e decidida pola cidade de Pontevedra, converténdoa nun referente en instalacións públicas de calidade, accesibles e sostibles”, subliñou o vicepresidente
Domínguez recordou que son xa 5 M€ os aprobados nestas semanas para a transformación integral de Príncipe Felipe. Aos recursos anunciados hoxe engádense outros 3,6 millóns de euros para a mellora do edificio principal do recinto
Rafa Domínguez: “A nosa vontade é construír unha Pontevedra mellor, máis moderna e con máis oportunidades, con proxectos que forman parte dun plan global de investimentos que ten como obxectivo situar á capital da provincia no lugar que merece”
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, acaba de anunciar novos investimentos para a cidade de Pontevedra: 1,4 M€ para a reforma e modernización integral do pavillón deportivo de Príncipe Felipe que están xa contemplados nos orzamentos do organismo provincial do 2026. “Trátase –tal e como subliñou Domínguez-dun proxecto con visión de futuro, que consolida o Centro Príncipe Felipe como símbolo da política social e educativa da Deputación e que supón unha aposta firme, clara e decidida pola cidade de Pontevedra, converténdoa nun referente en instalacións públicas de calidade, accesibles e sostibles”. Ao respecto, o vicepresidente recordou que son xa 5 millóns de euros os aprobados nestas semanas para a transformación integral do Centro Príncipe Felipe xa que aos recursos anunciados hoxe, engádense outros 3,6 millóns de euros para a mellora do edificio principal do recinto.
“A nosa vontade é construír unha Pontevedra mellor, máis moderna e con máis oportunidades, con proxectos como este, que forman parte dun plan global de investimentos que ten como obxectivo situar á capital da provincia no lugar que merece”, asegurou o vicepresidente. Tamén enmarcou esta iniciativa na máxima do goberno provincial, que é “situar ás persoas no centro das decisións e conseguir que cada actuación pública teña un impacto real na súa vida. Sabemos que cada euro que investimos en Príncipe Felipe ten un impacto directo nas persoas e na cidade de Pontevedra”.
Domínguez informou que nestes momentos estase a pechar a redacción do proxecto de reforma e modernización do pavillón deportivo para adaptalo ás necesidades actuais e ás novas esixencias de seguridade, accesibilidade e eficiencia. Deste xeito, a actuación busca optimizar o uso do pavillón para diferentes disciplinas deportivas, actualizar os seus espazos e instalacións aos estándares contemporáneos de calidade e mellorar o confort dos usuarios. Así, vaise mellorar a accesibilidade nos accesos exteriores e interiores; crear unha grada accesible; reformar os vestiarios e aseos do público aplicando criterios de accesibilidade; instalar un novo pavimento deportivo apto para múltiples disciplinas; modernizar o ximnasio e a sala de judo; crear novos almacéns e substituír o marcador deportivo por un led de última xeración.
“Nunca na historia da Deputación se investiu tanto na cidade de Pontevedra como agora”
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, aproveitou a ocasión para remarcar que “nunca na historia da Deputación se investiu tanto na cidade de Pontevedra como agora”. Por iso asegurou que “Lores minte cando afirma que a Deputación non inviste en Pontevedra. Ve todo o que estamos a facer desde a Deputación, o que estamos traballando e entrou en pánico”. Ao respecto, manifestou a súa vontade de “seguir traballando por e para a miña cidade” e animou ao alcalde “a que anuncie obras para os centros deportivos de Pontevedra, porque os últimos investimentos en instalacións deportivas da cidade fixémolos nos: o campo de Salcedo, a renovación dos campos de fútbol da Xunqueira…”.
Domínguez recordou que a Deputación destina a Pontevedra a través de transferencias de crédito os mesmos recursos que facía o anterior goberno: 2,5 M€. E, a estes recursos, tal e como informou, engádense outros moitos como estes 5 M€ anunciados estas semanas para Príncipe Felipe, 1,8 M€ para o proxecto de Santa Clara, 360.000 € para a actuación arqueolóxica no convento, 1,7 M€ para a reforma de Tomeza, 1,2 M€ para a reforma de Mollavao, 1,8 M€ da Bienal de Arte, 4 M€ do recinto que ocupaba o Parque de Maquinaria, 1,7 M€ da Casa do Concello, 2,2 M€ no campo de Campañó, a iluminación de Lérez, da Parda e Valdecorvos e a reforma da rúa Luis Seoane con case 2,7 M€, os Feroz 300.000 €, ou, entre outras moitas actuacións en Pontevedra, os 600.000 € para apoiar o tríatlon.



