O vicepresidente da Deputación de Pontevedra xa liderou, no pasado e con éxito, as negociacións entre os comuneiros e a Xunta polo Hospital Montecelo
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurou esta mañá que o Goberno provincial avoga e aposta “pola negociación cos comuneiros de Mourente” no relativo aos terreos sobre os que se asentan as instalacións do Centro Príncipe Felipe. Unhas negociacións, ademais, que chegan cun antecedente claro: as que tiveron lugar entre a Comunidade de Montes e a Xunta de Galicia para a cesión dos terreos para o Hospital Montecelo que, como lembra o vicepresidente provincial, el mesmo liderou chegando “a un acordo frutífero”.
Desta maneira, trala resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra que confirma que a Comunidade de Montes é titular dos terreos do Príncipe Felipe, Domínguez quixo recalcar que “como non pode ser doutra forma, respectamos as sentencias xudiciais, aceptámolas e iniciaremos os trámites pertinentes para limitar e terminar a vía xudicial, así como conseguir as condicións necesarias para comezar unha negociación sincera cos comuneiros”.
Na mesma liña, Rafa Domínguez quixo recalcar que este “é un problema herdado da administración anterior” e que o novo goberno provincial, con Luis López á cabeza, agarda que “co entendemento e o diálogo” en pouco tempo se dean as condicións necesarias “para que se poidan iniciar unhas negociacións sen trabas ocultas”.

