O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este xoves na inauguración do I Congreso Internacional de Fisioterapia no Deporte Feminino organizado polo Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Durante a súa intervención, o vicepresidente asegurou que “como médico e persoa comprometida coa igualdade, un dos obxectivos irrenunciables deste goberno da Deputación, son consciente de que segue a facer moita falta integrar a perspectiva de xénero para adaptar as prácticas do campo da saúde ás necesidades específicas das mulleres”.
Rafa Domínguez lembrou os “nesgos de xénero” que sempre estiveron presentes nos estudos clínicos. “Agora sabemos que as diferenzas corporais obrigan a ter os dous sexos en conta porque é un erro supoñer que a resposta duns e outras vai ser a mesma”, asegurou. O congreso está a abordar como esas diferenzas inflúen nas lesións que pode provocar o deporte, e que requiren adestramentos, medidas de prevención e de rehabilitación personalizadas “que non limiten o rendemento e a recuperación das mulleres”, polo que o vicepresidente da Deputación avogou por seguir “rachando coas desigualdades que como sociedade debemos superar para vivir nun mundo máis xusto e mellor”.



