O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este mércores na reunión do Comité Organizador do Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte que acollerá a cidade de Pontevedra en xuño de 2025. Tralo encontro, que se celebrou na Sala de Xuntas do Concello de Pontevedra, o vicepresidente provincial puxo en valor a importancia estratéxica de que a cidade acolla por segunda vez este campionato, na liña da prioridade do Goberno da Deputación de situar a provincia como o grande estadio deportivo do mundo.
Rafa Domínguez sinalou o compromiso da institución provincial coa cidade de Pontevedra, co obxectivo de consolidala como referente mundial do deporte, e mostrou a súa total disposición a traballar da man co Concello para que a Boa Vila tamén poida ser de novo a sede da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2026.