O xurado fallou hoxe os premios do concurso artístico para a cativada e creou dous accésits debido á grande participación, orixinalidade e calidade das propostas presentadas
O Museo de Pontevedra recibiu máis de 200 creatividades no concurso artístico sobre o Ravachol, unha participación considerada como un grande éxito e que obrigou hoxe ao xurado, xunto á orixinalidade e calidade das propostas, a crear dous accésits en dúas das categorías.
En total recibíronse 206 obras, na 1ª categoría (de 3 a 6 anos) foron 39; na 2ª categoría (de 7 a 11 anos) 164; e na 3ª categoría (de 12 a 14) só 3. Todas elas manteranse expostas no espazo vidrado do Edificio Castelao e as gañadoras (a cuxos autorxs se comunicará hoxe o premio) terán difusión tamén nas redes sociais e na web do Museo. A entrega dos agasallos está previsto que se faga o vindeiro sábado 27 de febreiro da man do director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey.
A equipa educativa organizadora do concurso entendeu o éxito da iniciativa tanto polo ‘tirón’ do propio Ravachol como figura do Entroido, como pola información enviada directamente aos centros de ensino, que participaron con clases enteiras entendendo a proposta como unha actividade didáctica de aula. Algúns dos centros que participaron foron o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, o CEIP San Martiño de Salcedo, o CEIP XUNQUEIRA nº1, o CEIP Froebel ou o CEIP San Benito de Lérez.
A acollida individual, así mesmo, foi estupenda pois o Museo recibiu varios correos de felicitación tanto dos pais e nais da cativada como do profesorado, expresando a ledicia dos nenos e nenas ao participar. Tamén se está a apreciar o éxito na cantidade de persoas que diariamente acuden á vidreira do ‘Edificio Castelao’ para ver as pezas das nenas e nenos.
O disfrace de Ravachol que máis triunfou foi aquel que se inspirou na pandemia da COVID, así houbo ducias de Ravachois médicos, enfermeiros, farmacéuticos, vacinadores, monstruos Covid, os “queda na casa”… Tamén foron moi recorrentes os Ravachois piratas, unicornios, bruxos, arcos da vella, súper heroes, cabaleiros de época, astronautas, peliqueiros, reis, policías, ou bombeiros, aínda que houbo moita orixinalidade (Ravachol Youtuber ou Among Us), cabida para os persoeiros (como Castelao ou o Deus Apolo), así como pola igualdade de xénero.
A técnica empregada foi fundamentalmente o debuxo, pero tamén houbo moitas colaxes e mesmo algúns Ravachois con técnicas artísticas como a témpera ou a augada. “A imaxinación das nenas e nenos foi desbordante con papagaios de todos os tipos, formas e cores, polo que foi moi difícil escoller. Para o xurado, formado por persoal do museo das áreas de Educación, Comunicación e Arquivo Gráfico, todas as nenas e nenos participantes son gañadores, pois demostraron ser grandes artistas que ben merecen ter a súa obra exposta no Museo”, subliñaron.
As e os premiados elixidos hoxe despois de varias horas de deliveración foron:
1ª categoría
1º premio: Loro pirata Ravachol, Leo Caamaño Mera (4 anos)
Accésit: El Ravacholiris, Manuela Ramos Ricoy (6 anos)
2ª categoría
1º premio: Ravachol Harry Potter, Cintia Tizado Sanfiz (7 anos)
Accésit : O Ravachol vacinador, Julieta Iglesias Rodríguez (11 anos)
3ª categoría
1º premio O Ravachol olla por nós, Paloma Pérez Pérez (13 anos)