O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, recibiu hoxe, en nome da Deputación, aos alumnos e alumnas que rematan este curso a súa formación académica de educación secundaria no Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires
“Dentro da identidade de Ourense está a emigración, por iso sempre teremos ese vínculo e compromiso desde a Deputación”, sinalou César Fernández, desexándolles unha boa estancia na provincia, na que están acompañados por Luis González Tosar
O alumnado do colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, como xa é tradición desde hai 20 anos, adican a súa viaxe de fin de estudios a visitar a provincia de Ourense. Por este motivo, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, recibiunos hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial. “Dentro da identidade de Ourense está a emigración, por iso sempre teremos ese vínculo e compromiso desde a Deputación de Ourense”, sinalou ao tempo que lles desexaba unha boa estancia na provincia, na que estarán acompañados polo escritor, membro correspondente da Academia Argentina de Letras, profesor de lingua e literatura galegas, director da Fundación Blanco-Amor e presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.
Os alumnos e alumnas, representados por Camila Consolani Neschenko, fixéronlle entrega ao vicepresidente segundo da Deputación dun gravado de Rafael Gil. No acto de intercambio de agasallos, os mozos recibiron unha serie de publicacións sobre Ourense e un disco do acordeonista internacional Víctor Prieto.
Durante a recepción, os profesores que acompañan aos alumnos e alumnas -Cecilia Borgo e Victoria Beni-, lembraron a cooperación do Goberno Provincial de Ourense cando colaborou en 2017 co Instituto arxentino-galego Santiago Apóstol de Bos Aires (que conta con máis de 500 alumnos de infantil, primaria e secundaria) cunha importante axuda económica para o remate das obras de construción da sexta planta do seu edificio, sito na calle Paso do populoso Barrio del Once, na capital porteña. Cabe salientar que este centro de ensino privado promovido en 1989 pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires, inclúe no seu programa de estudos, primarios e secundarios, as asignaturas de lingua e literatura galegas.