HomeDeputaciónsDeputación PontevedraRecepción ao novo xefe da Brilat de Pontevedra

Recepción ao novo xefe da Brilat de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor o papel da Brilat de Pontevedra a nivel estatal e internacional na recepción ofrecida hoxe no Pazo Provincial ao xeneral xefe Alfonso Pardo de Santayana Galbis, que vén de tomar posesión do seu cargo ao fronte da Brigada Galicia VII con base en Figueirido. “Somos moi conscientes –sinalou Carmela Silva- do papel que xogan as forzas e corpos de seguridade do Estado e particularmente esta Brigada Galicia VII, que co seu traballo sitúa a España como un país comprometido non só coa seguridade interior e as demandas dunha sociedade democrática, senón co apoio a calquera país do mundo que nos necesite. Somos unha referencia no mundo, a xente respéctanos, témolo gañado e onde estamos convertémonos en persoal exemplar, o que é e moi positivo para a imaxe de España, tendo en conta as situacións tan complexas que estamos a vivir internacionalmente”. A presidenta provincial, que estivo acompañada do deputado Carlos Font, amosou a total colaboración da Deputación para seguir estreitando a relación institucional coa Brilat, e destacou que a brigada “forma parte dos proxectos que se están a desenvolver dende a OTAN”. Tamén quixo recoñecer o seu labor na provincia, entre outras cuestións “o fundamental papel de vixilancia” contra os incendios a través da operación Centinela.

O xeneral, que estivo acompañado do comandante Pablo Ponce de León, agradeceu a cálida benvida e subliñou que o papel do Exército “é servir aos e ás españolas e ser útiles. Buscamos a proximidade á sociedade á que servimos”. “Queremos a través da colaboración coas institucións e cos medios –engadiu Pardo de Santayana- que nos coñezan e que a distancia entre as Forzas Armadas e a sociedade sexa cada vez máis pequena, porque no entendemento está a sinerxía para funcionar mellor e entre todos e todas resolver as situacións complexas que se nos presenten. E unhas Forzas Armadas perfectamente integradas na sociedade son a clave do éxito para afrontar moitas situacións que neste mundo complexo e cambiante nos irán aparecendo”.

Publicacións Relacionadas